Candieira

Taller en Vilanova de Arousa para mulleres do mar e emprendedoras

A rede de apoio e promoción das mulleres do mar Candieira desembarca este martes 19 de setembro en Vilanova de Arousa para ofrecer un obradoiro dirixido ás traballadoras do sector pesqueiro e outros sectores que teñan relación co mar (turismo, hostelería, restauración), e tamén para interesadas en desenvolver iniciativas económicas ou asociativas. O obxectivo: favorecer o emprendemento, o empoderamento e a busca de sinerxías entre elas.

O taller do GALP Ría de Arousa, que comprende os concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa celebrarase no Centro de desenvolvemento comarcal de Vilanova de Arousa (Lugar de Boutrín, s/n) entre as 16:00 e as 20:00. A inscrición é aberta e de balde previa inscrición neste enlace.

No encontro empregarase unha metodoloxía innovadora pouco habitual en accións deste tipo. Ana Lorenzo, do equipo técnico que impartirá os talleres, explica que transcorrerán “nun ambiente propiciador da creatividade”. “Traballaremos cun método empregado nas grandes empresas e nos talleres de innovación que queremos traer ao mundo local e das mulleres do mar”, explica. “Haberá un clima de xogo, de confianza, de ilusión, encamiñado á xeración de ideas innovadoras desde o intercambio de saberes e a unión de sinerxías”.

No encontro as participantes poderán conversar coas fundadoras da Asociación de Mariscadoras de Carril (Amarcarril), da Asociación de Mulleres de Arousa, e da empresa Porto de Cambados. Elas serán as encargadas de falar das súas iniciativas como exemplos inspiradores a seguir ou cos que establecer sinerxías.

Acompañamento das iniciativas

Todas as iniciativas e ideas económicas, sociais e asociativas que se formulen ou saian do propio taller serán benvidas. Ao longo dos vindeiros meses o equipo técnico fará un seguimento das iniciativas, apoiando e asesorando ás mulleres que queiran desenvolvelas, tal e como prevé o programa, que rematará previsiblemente en maio de 2018.

Os talleres buscan propiciar ideas e iniciativas, prender a candea da creatividade e da innovación. Pero tamén existe a posibilidade de levar a cabo pequenos cambios en iniciativas que xa están en marcha, ou traballar en novas formas de facer ou de organizarse. Buscaranse, así mesmo, as colaboracións e as sinerxías entre as iniciativas. Traballarase con dinámicas que fomenten o coñecemento entre as participantes para centrar retos, xogar a modificar ideas e escoller as iniciativas que se queren levar á práctica.

A diversidade de perfís das persoas asistentes aos talleres é clave para o seu desenvolvemento. Aos encontros están convidadas mulleres do mar de todos os sectores (mariscadoras, redeiras, armadoras, biólogas, do sector da consultaría, da investigación, do turismo, dos deportes náuticos, etc.), xunto a representantes de asociacións socioculturais de mulleres, pero tamén persoal municipal dos departamentos de Igualdade e de Emprego e, en xeral, mulleres ás que lles apeteza emprender ou asociarse.