Candieira

Candieira impulsará as iniciativas do litoral da Ría de Vigo á Guarda

O Parador de Baiona acolle este venres 15 un taller de xeración de ideas aberto a mulleres do mar e emprendedoras. Nos vindeiros meses o equipo técnico da rede Candieira, creada para favorecer o emprendemento e o asociacionismo entre as traballadoras do mar, acompañará e asesorará algunhas destas iniciativas.

Encontro de presentación de Candieira no Viveiro de Empresas de Baiona, o pasado xuño.

A rede de apoio e promoción das mulleres do mar Candieira* organiza durante este mes seis obradoiros para mulleres traballadoras da costa ou interesadas en desenvolver iniciativas económicas ou asociativas no litoral galego. O obxectivo: favorecer o emprendemento, o empoderamento e a busca de sinerxías entre as traballadoras do mar.

O Parador de Baiona será o escenario do taller do GALP Ría de Vigo-A Guarda que terá lugar este venres entre as 9 e as 14 horas. A inscrición é aberta e de balde previa inscrición a través desta web.

No encontro empregarase unha metodoloxía innovadora pouco habitual en accións deste tipo. Ana Lorenzo, do equipo técnico que impartirá os talleres, explica que transcorrerán “nun ambiente propiciador da creatividade”. “Traballaremos cun método empregado nas grandes empresas e nos talleres de innovación que queremos traer ao mundo local e das mulleres do mar”, explica. “Haberá un clima de xogo, de confianza, de ilusión, encamiñado á xeración de ideas innovadoras desde o intercambio de saberes e a unión de sinerxías”.

Está previsto que ao taller de Baiona acudan representantes de iniciativas xa creadas que poidan servir de inspiración a outras, como é o caso da empresa de xestión ambiental Babadiva, a asociación de mariscadoras e redeiras Guimatur e Anmupesca (Asociación Nacional de Mulleres da Pesca).

Acompañamento das iniciativas

Todas as iniciativas e ideas económicas, sociais e asociativas que se formulen ou saian do propio taller serán benvidas. Ao longo dos vindeiros meses o equipo técnico fará un seguimento das iniciativas, apoiando e asesorando ás mulleres que queiran desenvolvelas, tal e como prevé o programa, que rematará previsiblemente en maio de 2018.

Os talleres buscan propiciar ideas e iniciativas, prender a candea da creatividade e da innovación. Pero tamén existe a posibilidade de levar a cabo pequenos cambios en iniciativas que xa están en marcha, ou traballar en novas formas de facer ou de organizarse. Buscaranse, así mesmo, as colaboracións e as sinerxías entre as iniciativas. Traballarase con dinámicas que fomenten o coñecemento entre as participantes para centrar retos, xogar a modificar ideas e escoller as iniciativas que se queren levar á práctica.

A diversidade de perfís das persoas asistentes aos talleres é clave para o seu desenvolvemento. Aos encontros están convidadas mulleres do mar de todos os sectores (mariscadoras, redeiras, armadoras, biólogas, do sector da consultaría, da investigación, do turismo, dos deportes náuticos, etc.), xunto a representantes de asociacións socioculturais de mulleres, pero tamén persoal municipal dos departamentos de Igualdade e de Emprego e, en xeral, mulleres ás que lles apeteza emprender ou asociarse.