Candieira

Taller de ideas en Cabana de Bergantiños

Cabana de Bergantiños acolle o primeiro taller de ideas, dirixido a mulleres das zonas costeiras e/ou que queiran levar a cabo iniciativas económicas ou asociativas.

Participantes do anterior encontro de Candieira, en xuño, na sede do GALP Costa da Morte.

Candieira organiza para este mércores 13 de setembro un taller práctico de catro horas. Está coordinado polo GALP Costa da Morte, que se estende aos concellos de A Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía. A cita será na Escola de Vela de Cabana de Bergantiños (A Telleira s/n – Canduas), desde as 10 ata as 14 horas. As persoas que queiran asistir deberán inscribirse previamente neste formulario. A través do correo info@candieira.net pode solicitarse máis información.

O obradoiro é de balde e nel empregarase unha metodoloxía innovadora que nunca antes se empregara en Galicia para celebrar un encontro deste perfil. Ana Lorenzo, do equipo técnico, explica que o encontro transcorrerá “nun ambiente propiciador da creatividade”. “Traballaremos cun método empregado nas grandes empresas e nos talleres de innovación que queremos traer ao mundo local e da muller do mar”, explica. “Haberá un clima de xogo, de confianza, de ilusión, encamiñado á xeración de ideas innovadoras desde o intercambio de saberes e a unión de sinerxías”.

Todas as iniciativas e ideas económicas, sociais e asociativas serán benvidas. Posteriormente, algunhas destas ideas contarán co apoio e o asesoramento de persoas expertas para poñelas en marcha.

Prender a "candieira"

Os talleres buscan propiciar ideas e iniciativas, prender a candea da creatividade e da innovación. Tamén existe a posibilidade de levar a cabo pequenos cambios en iniciativas que xa están en marcha, ou traballar en novas formas de facer ou de organización. En todo momento buscaranse colaboracións e sinerxías entre as iniciativas. Traballarase con dinámicas que fomenten o coñecemento entre as participantes para pouco a pouco centrar retos, xogar a modificar ideas e escoller aquelas iniciativas que se queiran levar á práctica.

Está previsto que nos talleres que se celebren ao longo deste mes nos territorios dos seis GALP participantes do proxecto Candieira se presenten iniciativas inspiradoras diversas, como é o caso de Conservas Sotavento, a Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme e o seu proxecto de artesanía ou a Agrupación de Mariscadoras Río Anllóns, que acudirán a este primeiro taller para conversar coas participantes. Tamén haberá unha mostra da artesanía en sobremesas de Silvina Muñoz, emprendedora da zona.

A diversidade de perfís das persoas asistentes aos talleres é clave para o seu desenvolvemento. O obxectivo da organización é que nos encontros estean representadas mulleres do mar de todos os sectores (mariscadoras, redeiras, armadoras, biólogas, do sector da consultaría, da investigación, do turismo, dos deportes náuticos, mulleres de mariñeiros), e asociacións de mulleres, pero tamén persoal municipal dos departamentos de Igualdade e de Emprego e, en xeral, mulleres con ideas de emprendemento.