Candieira

Xornada final de Candieira coa presenza da conselleira do Mar

Un cento de persoas, a maioría mulleres do mar participantes do proxecto, acudiu á presentación da xornada final de Candieira, a Rede de apoio ás mulleres do mar de Galicia, celebrada o sábado 20 de outubro no Museo do Pobo Galego, en Santiago.  

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou que o proxecto Candieira difundiu o papel estratéxico de máis de 100 mulleres no sector marítimo-pesqueiro a través dunha achega de 140.000 euros por parte da Xunta, ao abeiro das achegas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP). A titular de Mar explicou que este proxecto “promoveu iniciativas e actividades dirixidas a reforzar a gobernanza e o empoderamento das mulleres do mar e xerou redes de traballo compartido”. Tamén “favoreceu o seu emprendemento social e empresarial co obxecto de garantir a remuda profesional no mundo marítimo e favoreceu a igualdade de oportunidades profesionais”, subliñou a conselleira.

En canto ao papel das mulleres no mundo do mar, Rosa Quintana, destacou que está a gañar relevancia e representatividade nestes últimos anos, grazas á profesionalización das mariscadoras e redeiras e á súa participación nos órganos decisorios e consultivos do sector.

Pola súa banda, o presidente do GALP Ría de Pontevedra, José Antonio Gómez, lembrou que a consecución da igualdade e a non discriminación é un dos piares sobre o que se asenta o marco comunitario de financiamento e o conxunto de políticas europeas, “pero tamén é un dos principios reitores que asumimos dende todos os GALP, como entidades que convivimos nas nosas zonas costeiras”. “O traballo a prol da igualdade efectiva no sector e nas actividades do mar é algo que convén seguir apoiando de maneira decidida e firme”, dixo, e tamén resaltou a importancia da cooperación entre os GALP e con outras entidades e persoas a título individual. “A mellor maneira de facer efectiva a cooperación é observar, escoitar, copiar o que é bo, inspirarnos nos proxectos e nos éxitos doutros”, observou, ao tempo que agradeceu a “importante colaboración” ao longo dos meses que durou o proxecto por parte de entidades como o Instituto Galego de Formacion en Acuicultura, o Centro Integrado de FP Coroso, o Instituto de Fragas do Eume, a Estación de Ciencias Marinas de Toralla ou Guimatur.

Por último, o presidente do GALP coordinador destacou a incorporación das mulleres ao sector pesqueiro e o papel que xogan dentro del, “cada vez máis importante” e onde “Galicia é xa un modelo a seguir, tanto no conxunto do Estado como a nivel europeo”. Tivo así mesmo unha lembranza para as devanceiras das mulleres do mar, que co seu esforzo “abriron camiño para que hoxe teñades unha presencia recoñecida e normalizada en case todos os ámbitos do sector pesqueiro”.

Tras a intervención das autoridades, foron as propias participantes do proxecto as que fixeron achegaron as súas experiencias e pareceres arredor das xornadas de Candieira onde puideron desenvolver experiencias de turismo mariñeiro e os pasos básicos de cara a crear unha asociación. No acto tamén se proxectaron dous vídeos resumo dos programas EMBARCA e ALIADAS.