Candieira

As participantes de Candieira presentarán os resultados do proxecto o 20 de outubro en Santiago

O sábado 20 de outubro no Museo do Pobo Galego terá lugar a cita estrela de Candieira: un encontro onde as participantes deste programa, que comezara a finais de maio de 2017 e remata neste mes de outubro, amosarán os resultados de todas as accións desenvolvidas ao público e aos medios de comunicación asistentes. A inscrición das asistentes será a partir das 10:30 do mesmo sábado, mais é preciso confirmar a asistencia previamente no correo info@candieira.net.

No acto participarán a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a directoral xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, o presidente do GALP coordinador (Ría de Pontevedra), José Gómez Castro e a xerente do mesmo, Laura Nieto. Tamén estarán presentes os axentes promotores do proxecto, as presidencias e as xerencias dos Grupos de Acción Local Pesqueira que forman parte do proxecto e representantes das entidades colaboradoras.

Serán as propias participantes de Candieira quen presenten durante o encontro os resultados dos programas Embarca e Aliadas, as dúas principais liñas de acción desenvolvidas en Candieira. Neste proxecto de cooperación e traballo en rede participaron, ao longo de dezasete meses, máis de cen persoas de toda Galicia, maioritariamente mulleres con oficios relacionados co medio mariño (mariscadoras, redeiras, mariñeiras, percebeiras, bateeiras e armadoras), pero tamén doutros ámbitos de emprendemento. Elas tiveron a oportunidade de achegarse á xestión e organización dunha iniciativa empresarial, ben de turismo mariñeiro, ben de posta en valor do produto pesqueiro local dende a transformación e a gastronomía. Ademais, Candieira traballou no impulso e no empoderamento da base asociativa feminina dentro dos territorios dos seis GALPs participantes do proxecto.

Os obxectivos cos que nacera Candieira -favorecer o emprendemento das mulleres nas zonas costeiras de Galicia e intercambiar coñecementos e experiencias desde a innovación- foron executándose ao longo destes meses grazas ao traballo de campo do equipo técnico, que se desprazou durante sucesivas xornadas ás vilas mariñeiras escollidas para desenvolver o programa. As propostas de traballo adaptáronse tanto aos horarios laborais como ás necesidades e arelas das participantes.

Adquirir competencias e prototipar os proxectos de turismo mariñeiro ou de impulso ao produto pesqueiro recreándoos e aprendendo a través da propia práctica foi a filosofía que acompañou estas sesións formativas, no caso de Embarca.

Participantes de Embarca: Saberes e Sabores (Golfo Ártabro Norte e Costa Sostible)

Participantes de Embarca con proxectos de turismo mariñeiro (Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Ría de Vigo-A Guarda e Costa da Morte)

Fortalecemento do asociacionismo

Dentro do programa Aliadas, de corte asociativo e de fortalecemento das habilidades sociais e comunicativas, estase a traballar aínda, na recta final do proxecto, a visualización da memoria emocional, nos casos da Ría de Arousa, Golfo Ártabro Norte e Costa da Morte, coa elaboración dos "paneis da memoria das mulleres do mar".

Na Costa Sostible as socias da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra-Ría de Muros-Noia elaboraron un folleto informativo para dar a coñecer a súa entidade. Tamén traballaron na presentación da Asociación, co fin de atraer a outras mulleres e ampliar este novo espazo de intercambio e toma de decisións.

No caso do GALP Ría de Vigo-A Guarda avánzase na transferencia de coñecementos entre as profesionais do mar e o mundo científico, mentres que na Ría de Pontevedra as mariscadoras confeccionaron e presentaron hai xa un mes unha guía de coidados da saúde para o benestar das mariscadoras.