Candieira

As mariscadoras da Ría de Pontevedra presentan unha guía para mellorar a súa saúde e benestar

A guía ten como obxectivo concienciar ás mulleres do mar da importancia de adquirir rutinas saudables para o desenvolvemento do seu oficio e contou co asesoramento de varias profesionais da saúde especializadas en enfermería, obstetricia e fisioterapia. No acto de presentación, celebrado no seu propio lugar de traballo, en Reiboa, amosaron como poñer en práctica unha táboa de exercicios para facer durante as horas de marisqueo e de volta na casa.

Mariscadoras da Agrupación San Telmo de Pontevedra e da Asociación Cultural Mulleres Mar de Poio presentaron esta mañá en Reiboa os detalles dunha guía de boas prácticas que anima a todo o seu colectivo de traballo a converter en hábito cada un dos consellos que recolle.

A guía de coidados é “o resultado dun traballo de colaboración entre profesionais da saúde e do sector extractivo da Ría de Pontevedra que grazas a Candieira cruzaron os seus camiños para abordar o benestar das mariscadoras desde a súa propia experiencia” segundo destacou Laura Nieto, coordinadora do proxecto e xerente do GALP Ría de Pontevedra.

A saúde e a calidade de vida das mariscadoras converteuse no obxectivo deste grupo de profesionais do mar dentro do programa ALIADAS de Candieira, unha iniciativa de formación e fomento do asociacionismo que busca reforzar a gobernanza das mulleres das comunidades costeiras.

As doenzas das mariscadoras

O primeiro foi identificar as doenzas máis frecuentes entre quen se dedica ao marisqueo. “O noso traballo leva asociada unha carga física importante. Hai doenzas recorrentes dereivadas das nosas rutinas diarias que, entre todas, fomos reccoñecendo: lesións articulares, na columna vertebral, doenzas reumáticas... E descubrimos que hai moitos coidados que podemos incorporar ao noso día a día para previr lesións e mellorar a nosa calidade de vida, consellos relacionados coa alimentación, coa vestimenta, coa protección da pel, coa nosa saúde emocional e coa recuperación muscular” sinalou Marina Buceta, representante da Asociación Cultural Mulleres Mar de Poio no GALP Ría de Pontevedra e vicepatroa da Confraría San Telmo de Pontevedra.

Con este obxectivo emprenderon a creación dunha guía de prevención con coidados, consellos e exercicios básicos para aplicar antes de saír ao mar, durante as horas de marisqueo e de volta á casa.

Guía-cartel de boas prácticas mariscadoras

Na práctica, deseñaron un cartel que recolle varias recomendacións en cuestión de alimentación, protección da pel e seguridade física, así como unha táboa de exercicios para estirar e previr lesións en brazos, pernas, pescozo, tronco e lumbares.

Durante todo o proceso contaron coa colaboración e o asesoramento técnico de Eva Rosales, fisioterapeuta do centro Gallego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, Dolores Rodríguez, matrona e profesora da E.U. Enfermaría de Pontevedra e Paz Diéguez, enfermeira, antropóloga e subdirectora da E.U. de Enfermaría de Pontevedra, quen destacou que “os consellos que recolle esta guía nunca foron fáciles de encaixar na vida das mariscadoras pero agora están non só en condicións de aplicalos senon tamén de transmitilos”.

Xunto ás mariscadoras da Ría de Pontevedra, estas tres expertas celebraron varias sesións de traballo teórico e práctico co fin de definir a guía e producir o material gráfico que ilustra o panel informativo.

Hoxe volveron reunirse para presentar o cartel que deseñaron xuntas, arroupadas por representantes do sector do mar da comarca e pola Subdirectora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia. Susana Rodríguez Carballo salientou o traballo das mariscadoras. “O prezo da marea é moi alto para vós. O voso corpo vaivos acompañar sempre e tedes que coidalo porque vos pertence. As formadoras que vos acompañan acertaron non só en aprendervos a coidar o físico, senón tamén o emocional”.

A saúde emocional das mariscadoras

Este traballo de colaboración serviulles ás profesionais da saúde para confirmar e tomar conciencia de que as mariscadoras esán sometidas a moita presión emocional. “No mar hai moitas emocións negativas -explicou Paz Diéguez- e iso hai que telo moi en conta para podelo tratar e previr”.

As mariscadoras aproveitaron a presentación da guía de coidados para pedir a continuidade deste proxecto relacionado coa saúde e o benestar das mulleres do mar. “Cremos que hai un traballo técnico pendente que podería converter esta proposta nun cartel informativo de gran valor para a saúde das mariscadoras. Gustaríanos contar co apoio das institucións para que o proxecto se siga desenvolvendo e no futuro, facer que este panel chegue a todas as confrarías e puntos de control de Galicia” dixo Ángela García, presidenta da Agrupación de Mariscadoras San Telmo de Pontevedra.

O acto de presentación da 'Guía de coidados da saúde para o benestar das mariscadoras' rematou cunha exhibición práctica dos exercicios de recuperación muscular que mostra o panel da saúde, exercicios de estiramento pensados para as mariscadoras poidan facelos durante a súa actividade no mar e ao rematar a xornada de traballo.