Candieira

Dinamización dos recursos marisqueiros a través da gastronomía

Baixo o título 'Mar de aquí', as mariscadoras do Golfo Ártabro Norte celebran este mércores 5 de setembro ás 17:30 na Casa do Pescador de Miño unha xornada de valoración e debate co obxectivo de estimular a transformación e a comercialización dos productos mariños locais a través da gastronomía.
 

Con esta actividade, as mulleres do mar dos concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume pechan o programa EMBARCA.

A derradeira sesión de Saberes e sabores abordará a dinamización dos recursos mariñeiros da zona. As asistentes terán a oportunidade de esbozar iniciativas orixinais no seu contorno, darlles nome, asignarlles un público obxectivo, dotalas de contido e apuntar algunha idea de comunicación para podelas difundir.

Neste proceso contarán co apoio técnico de Candieira e cos coñecementos de Francisco González, da Sociedade Cultural e Gastronómica 'A Troita Armada', a quen coñecen xa dunha edición anterior de Saberes e sabores.

Ao longo da súa participación nesta experiencia de acompañamento, as mariscadoras do Golfo Ártabro Norte aprenderon a facer conservas e a poñer en valor o produto fresco a través de novas elaboracións.

A cociña centrou boa parte das sesións prácticas do programa. Agora, na recta final de EMBARCA, traballarán aspectos máis teóricos, centrados no deseño e no lanzamento de propostas innovadoras destinadas a explorar e dinamizar os produtos mariños como recursos produtivos e culinarios.