Candieira

As mariscadoras da Ría de Pontevedra presentan a 'Guía de coidados da saúde para o benestar das mariscadoras'

As mariscadoras da Ría de Pontevedra presentan este martes 4 de setembro, ás 12:30, en Reiboa, Poio, un cartel informativo que guiará as mulleres do mar na adquisición de novas rutinas saudables para o desenvolvemento da súa actividade.

A saúde e a calidade de vida das mariscadoras converteuse no obxectivo deste grupo profesional partícipe no programa ALIADAS de Candieira, unha iniciativa de formación e fomento do asociacionismo que busca reforzar a gobernanza das mulleres das comunidades costeiras.

Despois de identificar as doenzas máis frecuentes entre quen se dedica ao sector pesqueiro e extractivo, as mariscadoras da zona do GALP Ría de Pontevedra decidiron analizar as causas e determinar as atencións necesarias para dotarse de mecanismos de prevención.

As doenzas das mariscadoras

As doenzas reumáticas, as lesións articulares, na columna vertebral e as derivadas do levantamento de pesos son as máis recorrentes entre as mulleres do mar, debido ás súas condicións de traballo: moitas horas ao aire libre, á chuvia e ao sol; dobradas, carrexando ferramenta, erguendo vultos, facendo forza... A súa actividade leva asociada unha carga física e emocional que precisan alixeirar para mellorar o seu benestar.

Con ese obxectivo emprenderon a creación dunha guía de prevención con coidados, consellos e exercicios básicos para aplicar antes de saír ao mar, durante as horas de marisqueo e de volta á casa.

Guía-cartel de boas prácticas mariscadoras

Na práctica, deseñaron un cartel que recolle varias recomendacións en cuestión de alimentación, protección da pel e seguridade física, así como unha táboa de exercicios para estirar e previr lesións en brazos, pernas, pescozo, tronco e lumbares.

Durante todo o proceso contaron coa colaboración e o asesoramento técnico de Paz Diéguez, subdirectora da E.U. de Enfermaría de Pontevedra e antropóloga, Dolores Rodríguez, matrona e profesora da E.U. Enfermaría de Pontevedra e de Eva Rosales, fisioterapeuta do Centro Gallego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Xunto ás mariscadoras da Ría de Pontevedra, estas tres expertas celebraron varias sesións de traballo teórico e práctico co fin de definir a guía e producir o material gráfico que ilustra o panel informativo.

Candieira, emprendemento desde a innovación

Candieira é un proxecto de cooperación e traballo en rede dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro. Leva máis dun ano desenvolvendo programas de apoio, formación e acompañamento das mulleres do mar que buscan reforzar a súa gobernanza e mellorar as súas capacidades en diferentes ámbitos vitais e profesionais.

Ao longo dos últimos meses máis dun cento de mariscadoras, mariñeiras, redeiras, bateeiras e percebeiras de toda Galicia tiveron a oportunidade de colaborar na promoción de actividades orientadas a visibilizar o seu papel nas comunidades costeiras. O programa EMBARCA achegounas á xestión e organización dunha iniciativa empresarial, mentres que ALIADAS serviulles para avanzar no reto de asociarse, compartir e optimizar recursos.