Candieira

Candieira afronta a súa recta final e prepara un gran encontro de mulleres do mar para outubro

Un ano despois da posta en marcha da Rede de apoio e promoción das mulleres do mar Candieira, facemos repaso daquelas iniciativas que, ao longo das distintas fases, foron dando pasos ata inicios de agosto. Máis de cen mulleres do mar de toda Galicia tiveron a oportunidade de achegarse á xestión e organización dunha iniciativa empresarial a través do programa EMBARCA, pero tamén avanzaron no reto de asociarse e traballar en rede, dentro do programa ALIADAS.

EMBARCA, primeiros test de turismo mariñeiro por toda Galicia

  • GALP Ría de Arousa. Foi o primeiro en avaliar as rutas creadas polas bateeiras e mariscadoras de Amegrove,deicada á acuicultura do mexillón; as mariscadoras de Vilanova, dende a confraría á lonxa nova pasando polo banco de Ariño; e as de Carril, que máis que someter a exame a súa proposta, fixeron unha demostración do labor que desenvolven neste eido como membros da Asociación Amarcarril. Isto, no Salnés. A maiores, as mulleres do mar da Arousa Norte deseñaron un itinerario por Cabo de Cruz e Aguiño para explicar os detalles do marisqueo a pé máis da extracción do percebe, pendente de valoración.
  • GALP Ría de Pontevedra. A ruta de turismo mariñeiro deseñada polas mariscadoras de Poio, Lourizán, Raxó e San Telmo percorre a zona da Seca, no lugar de Reiboa e inclúe unha visita á depuradora e á lonxa de Campelo.
  • GALP Ría de Vigo-A Guarda. Foron as mariscadoras de Arcade as que colleron a iniciativa para liderar unha experincia de turismo sostible no medio e medio da ría. Son as únicas mariscadoras de Galicia que teñen que embarcar para poder coller ameixa, así que a súa proposta recolle unha experiencia única na costa galega.
  • GALP Costa da Morte. Ademais do percorrido guiado polas redeiras de Malpica aos lugares onde traballan adoito, as mariscadoras e mariñeiras de Camariñas probaron dous itinerarios máis na súa vila: un que percorre o controno do porto e a lonxa; e outro que achega as visitas ao banco de cultivo de Ariño, na parroquia de Xaviña.

Encontros en IGAFA e Guimatur

Ás portas do verán, Candieira celebrou o primeiro grande encontro de mulleres do mar dos catro Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro que participan no programa EMBARCA con proxectos de turismo mariñeiro.

Máis de medio cento de mariscadoras, bateeiras, redeiras e percebeiras da Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Costa da Morte visitaron as instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Illa de Arousa) e a Asociación Cultural Guimatur, que dende hai máis dunha década desenvolve experiencias de turismo mariñeiro en Cambados.

Encontro en IGAFA

Visita a IGAFA

A xuntanza valeulles para seguir aprendendo sobre o proceso de produción acuícola, a planificación dunha ruta guiada arredor do mar e dos seus oficios, a xestión dunha actividade extra orientada ao turismo sostible e mariñeiro; pero tamén para crear novos espazos de intercambio e reforzar lazos de unión que fortalezan o asociacionismo e a autonomía das profesionais.

EMBARCA, Saberes e Sabores

Como programa de acompañamento que busca prototipar e probar novos modelos de intercambio asociados ao mar, aos seus produtos e ao patrimonio natural, EMBARCA tamén desenvolveu unha liña de traballo orientada á transformación do produto do mar a través de proxectos de cociña local e de conserva artesanal.

As mulleres dos GALP Golfo Ártabro Norte e Costa Sostible escolleron esta vía de emprendemento e nas últimas semanas compartiron varias sesións de Saberes e Sabores.

Visitaron as instalacións de Conservas Sotavento, aprenderon a facer as súas propias latas (de berberechos ao natural e de fabas con berberechos e alga kombu) no CIFP Coroso de Ribeira e participaron en varios obradoiros de cociña creativa e de produto, a base de peixes e mariscos das súas zonas.

Xunto a Miguel Mosteiro, do Grupo IN9, e Francisco González, da Troita Armada, aprenderon a recoñecelos, limpalos, cortalos, elaboralos... e a estimalos non só como recursos culinarios senón tamén produtivos.

ALIADAS, formación en asociacionismo

No marco de ALIADAS, un programa destinado a impulsar iniciativas de corte asociativo ademais de propostas formativas, as mulleres dos GALP Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra e Costa Sostible avanzaron proxectos propios.

  • Nós aprendemos, nós ensinamos. As profesionais do mar da ría de Vigo-A Guarda buscan fortalecer os lazos de unión coa comunidade científica local dedicada á investigación do medio mariño. Queren poñer en común as súas propias inquedanzas e saberes prácticos cos dos investigadores. Para iso recolleron os temas esenciais que lles gustaría tratar nun primeiro encontro, aínda por datar, que facilite unha colaboración máis estreita no futuro.
  • Guía dos coidados da saúde. As mariscadoras da Ría de Pontevedra identificaron as doenzas que máis afectan ás mulleres do mar e deseñaron un cartel que lles permitirá adquirir novas rutinas de prevención. A guía recolle varias recomendacións en materia de alimentación, protección da pel e seguridade física, así como unha táboa de exercicios para estirar e previr lesións en brazos, pernas, pescozo, tronco e lumbares. A 'Guía de coidados da saúde para o benestar das mariscadoras' presentarase a primeiros de setembro.
  • Asociación de Mulleres da Costa Sostible. Mariscadoras, mariñeiras, armadoras, redeiras e percebeiras do Seo de Fisterra-Ría de Muros-Noia queren reforzar o seu papel como mulleres do sector pesqueiro dentro e fóra do seu ámbito de traballo. Mariscadoras de Muros e Noia encontráronse coas de Corcubión e Fisterra para incrementar o número de socias, crear novas sinerxías e achegar solucións aos problemas comúns das mulleres do mar.

Mariscadoras da Asociación cultural Mulleres do mar de Poio

Mariscadoras da Ría de Pontevedra na praia de Lourido

Candieira, encontro final

Máis dun cento de mulleres dos territorios dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro participaron nas actividades de Candieira dende finais de maio. Co mes de setembro o proxecto volverase poñer en marcha para celebrar as derradeiras sesións de traballo en cada zona, e xa en outubro reunir nun gran encontro final que terá lugar en Santiago de Compostela a todas as protagonistas e as experiencias da Rede de apoio e promoción das mulleres do mar no mesmo escenario.