Candieira

Preséntase Candieira na Costa da Morte, un proxecto que pretende visibilizar e empoderar ás mulleres do mar

Muller, mar e rede son as claves do proxecto

O proxecto de cooperación Candieira, que promoven seis Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) (Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Seo de Fisterra-Ría Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda), celebrou hoxe tres encontros para presentar o proxecto en Buño e Vimianzo e escoitar as achegas dos axentes institucionais e sociais do territorio.

O obxectivo desta Rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia, que conta con financiamento da Consellaría do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é alentar e acompañar o emprendemento das mulleres nas zonas costeiras dos territorios dos GALP participantes e impulsar a súa autoorganización e reforzo desde o colectivo.

Aos encontros que coordina o GALP Costa da Morte, que abarca os municipios de A Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía, acudiron hoxe responsables políticos e técnicos de varios destes concellos. Tamén se celebraron dous encontros que contaron coa asistencia e as achegas de mulleres de confrarías, asociacións e empresas da zona.

Talleres en setembro

Candieira quere “visibilizar o papel das mulleres dos territorios costeiros, o seu entramado empresarial, asociativo e cultural de cada zona e que sirva de revulsivo”, explican desde o equipo técnico de Candieira. Tamén quere ser “unha ferramenta útil para enfrontar problemáticas concretas do sector”. Precisamente, unha das potencialidades de Candieira é “a súa flexibilidade” xa que nace e se constitúe desde a base, desde o análise concreto da realidade da zona, adaptándose a ela. "Muller, mar e rede -unión, asociación-, son as claves, a partir de aí, desde o punto de vista da diferencia, trátase de engadir un valor de modernidade, de innovación ás ideas que teñamos".

A fase central do proxecto comezará en setembro, coa organización de talleres ou espazos de creación e intercambio de ideas en todos os territorios dos GALP participantes. Serán espazos de xeración de proxectos e experiencias ligadas ao mar onde todas as ideas individuais e colectivas serán benvidas. Un dos retos é que xurdan sinerxias entre as persoas participantes e que as ideas se poidan testar iniciativas que desemboquen en proxectos empresariais ou asociativos. A inscrición, de balde, dirixirase a mulleres emprendedoras dispostas a mergullarse na xeración de experiencias innovadoras e intercambiar saberes e coñecementos, ao tempo que se vai tecendo unha rede de traballo colaborativa.

Para iso, é de vital importancia a implicación dos axentes locais e das persoas que a título individual acudiron hoxe aos encontros para informarse sobre o proxecto e achegar necesidades, barreiras e potencialidades do territorio.