Candieira

As redeiras d´O Fieital poñen en valor o seu oficio a un cento de visitantes de Caldas de Reis

A Asociación de Redeiras O Fieital protagonizou a xornada de turismo mariñeiro do pasado venres 3 de agosto en Malpica.

Un cento de visitantes provintes de Caldas de Reis achegáronse ao peirao de Malpica, onde se sitúa a nave de redes, un dos escenarios de traballo das redeiras da zona, e percorreron outros dos lugares clave para entender o día a día destas mulleres do mar.

A presidenta da asociación, Ángeles Mille, fixo unha contextualización histórica para explicar como eran os traballos das mulleres do mar en Galicia e na súa zona. Segundo contou, as labores de clasificación da pesca ao chegar os barcos a porto, confección e arranxo de redes, marisqueo, etc. foron durante moitos anos un complemento á economía familiar, non un oficio recoñecido para estas mulleres. No seu caso, o accidente do Prestige supuxo un punto de inflexión para as redeiras, que lles fixo tomar a determinación de profesionalizarse para mellorar as súas condicións de traballo e poder cotizar á seguridade social. Mille está "moi orgullosa" das súas socias, e na actualidade desde a Asociación de Redeiras O Fieital seguen a loitar pola mellora das condicións de traballo para "atraer xente nova que poida seguir cun traballo tan importante como este".

A dificultade para atopar relevo xeracional é unha das preocupacións do colectivo de redeiras que traballan na nave de redes, xestionada pola confraría, elaborando distintas artes de pesca que distribúen a toda a Península. Por iso é tan importante contar ben en que consiste o seu oficio, divulgar a súa importancia e poñelo en valor.

Os visitantes puideron ver as redeiras facendo palangre en directo e tamén asistiron á poxa de peixe na lonxa. A visita rematou no porto, onde atenderon ás explicacións sobre a variedade de embarcacións e aprenderon a diferenciar as artes de pesca e as mallas coas que traballan as persoas que viven do mar en Malpica. Máis tarde, o grupo de Candieira desprazouse ao Cabo de Santo Hadrián, lugar que as propias redeiras escolleron para poñer o broche final á súa ruta de turismo mariñeiro durante as sesións formativas de Embarca.