Candieira

As redeiras de Malpica ensaian unha ruta guiada de turismo mariñeiro para cen visitantes

As redeiras O Fieital de Malpica serán as encargadas de dirixir a visita coa que queren dar a coñecer o seu oficio. Na tarde deste venres 3 de agosto recibirán no peirao da vila un cento de visitantes. A experiencia servirá para probar o percorrido máis o relato ideado por elas mesmas no marco do programa EMBARCA de Candieira, un proxecto de cooperación posto en marcha o pasado ano por seis Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro.

Logo do ensaio compartido coas mariscadoras de Camariñas, é agora a quenda das redeiras de Malpica. Arredor de media ducia de redeiras collerán o testemuño dos test de turismo mariñeiro que desenvolve Candieira para despedir o programa EMBARCA no GALP Costa da Morte.

Nesta ocasión, ademais de contar coa asistencia doutras mulleres do mar do seu territorio, as anfitrioas recibirán un cento de visitantes disposto a coñecer o patrimonio, a cultura e os oficios propios dos mariñeiros da comarca de Bergantiños.

Durante máis dunha hora as redeiras serán as encargadas de conducir a visita. Ao redor das 16:30 recibirán o grupo no peirao, diante da nave onde traballan coas redes. Poderán velas facer palangre en directo, descubrir a importancia do seu oficio e, moi preto, asistir á poxa de peixe na lonxa.

Para os forasteiros, a visita rematará no propio porto, despois de observar a variedade de embarcacións, de artes de pesca e de mallas coas que traballan os mariñeiros e as redeiras de Malpica.

O grupo de Candieira desprazarase ao Cabo de Santo Hadrián, lugar escollido polas redeiras de Malpica para despedir a súa ruta de turimo mariñeiro.