Candieira

EMBARCADE, turismo mariñeiro na ría de Vigo (II)

Se hai unha semana as maricadoras de Arcade improvisaron dende a beira do mar a ruta de turismo mariñeiro que deseñaron para dar a coñecer o seu oficio, poñer en valor o seu traballo e ofrecerlle ao público unha panorámica do marisqueo nese recanto da ría de Vigo, desta volta subiron a bordo do 'Arcade Dos' para ensaiar o seu discurso nos bancos de cultivo, no medio e medio da ría de Vigo.

As mariscadoras de Arcade son as únicas de toda Galicia que teñen que subir a un barco para chegar ás zonas de marisqueo e coller ameixa. Como cada día que saen ao mar, xuntáronse na confraría, vestiron os traxes de neopreno e as botas de goma e embarcaron no 'Arcade Dos' rumbo aos bancos de marisqueo, máis aló das illas Alvedosas.

O Cunchido, Estrazo, Area Nova, O Puntal son algúns dos nomes cos que coñecen a zona de traballo. Chegan axiña. Pouco máis de cinco minutos de navegación e xa están en terra de novo, no medio da ría, en bancos de area e lodo nos que apañan ameixa fina, babosa e xaponesa.

As maricadoras aproveitaron a viaxe para presentar o contorno natural e xeográfico, o funcionamento das mareas, como o mar marca o seu horario de traballo, os perigos da néboa neste punto da ría, e como se preparan para afundir os pés na auga máis no barro.

Despois de explicar por que se fixeron mariscadoras, que requisitos cumpren para poderen exercer e que funcións desempeñan en mar e terra, fixeron unha práctica de marisqueo, aclarando en cada momento os parellos que empregan, os movementos que deben facer, as características das pezas que recollen...

De volta ao peirao deixaron atrás a Illa de San Simón e a ponte de Rande para visitar o posto de control e seguir os pasos que dan habitualmente para pesar e clasificar a ameixa, etiquetala, cobrala e mandala á lonxa de Vigo, onde se poxa. Son os compradores, no momento en que adquiren os lotes de bivalvos, os que asumen o compromiso de envialos á depuradora antes de seren consumidos.

O ensaio que realizaron este xoves as mariscadoras de Arcade serviulles para volverse meter no papel de guías e acompañantes nunha experiencia de turismo mariñeiro que no futuro esperan compartir con grupos de turistas interesados no seu oficio e na cultura mariñeira.

EMBARCA, turismo mariñeiro

Como experiencia de acompañamento que busca prototipar e probar novos modelos de intercambio asociados ao mar, aos seus produtos e ao patrimonio natural, Candieira, a Rede de apoio e promoción das mulleres do mar continúa avaliando as rutas creadas polas mulleres dos catro Grupos de Acción Local Pesqueira que participan no programa EMBARCA de turismo mariñeiro.

Na recta final do proxecto xa se probaron seis itinerarios de turismo mariñeiro: Amegrove, Vilanova de Arousa e Amarcarril, na Ría de Arousa; Reiboa, na ría de Pontevedra; Arcade, na ría de Vigo; e Camariñas, na Costa da Morte. A próxima visita terá lugar en Malpica, e o ensaio correrá a cargo das redeiras de Bergantiños.