Candieira

De ruta coas mariscadoras de Camariñas

Son mariscadoras e mariñeiras. As mulleres do mar de Camariñas viven e traballan na Costa da Morte coa mesma paixón coa que contan os detalles do seu oficio. Acompañadas polas redeiras de Malpica percorreron algúns dos escenarios que pisan a diario: o paseo, o peirao, a lonxa e o banco de Ariño. Dúas horas de visita guiada para a primeiro ensaio de turismo mariñeiro de Candieira no GALP Costa da Morte.

Pero non era a primeira vez que Yaqui Lista e Lita González se poñían á fronte de un grupo para contar a súa experiencia como mariscadoras e mariñeiras. Con esa bagaxe recibiron as convidadas no contorno da confraría de pescadores, aínda que a andaina comezou na entrada da vila, no paseo que conduce os turistas cara a zona do porto.

Yaqui Lista foi a encargada de dar a benvida á Costa da Morte e a Camariñas. É mariscadora e mariñeira. Criouse no mar e agora dedícase a coidalo: sementa e apaña ameixa, berberecho, longueirón... máis xestiona as nasas do polbo e da nécora no barco que comparte coa súa parella, tamén mariñeiro.

Seguindo o paseo cara o peirao repasou as características principais das embarcacións que traballan na zona, fondeadas no porto. Os permisos, as campañas e as cotas que marcan os seus días de labor centraron o discurso ata chegar á zona onde gardan os aparellos: nasas, volantas, betas e miño son algunhas das artes que empregan en Camariñas para darlle saída aos varios centos ou miles de quilos centola, xarda, xurelo, nécora e polbo que lles asignan para cada campaña.

No peirao tocou diferenciar as nasas e ver como se desenvolve unha mariñeira no seu propio barco. Na lonxa, o polbo foi o protagonista. En Camariñas póxase os martes, e quen ofrece a cantidade maior e gañe a poxa, leva o polbo de toda a semana.

A segunda parte da experiencia de turismo mariñeiro celebrouse a poucos quilómetros, na parroquia de Xaviña. Neste punto, no banco de Ariño, Lita González colleu o testemuño e encargouse de guiar a outra ruta de turismo mariñeiro que ensaiaron as mulleres do mar do GALP Costa da Morte.

Ariño é só unha das zonas na que mariscan, fundamentalmente ameixa e berberecho. Coa borraxeira entrando dende Muxía as maricadoras de Camariñas mollaron os pés para mostrarlles ás redeiras de Malpica os secretos do seu oficio: que angazo escoller entre os varios que teñen, como enterralo, como tirar del para sacar a ameixa. Escolleron as mellores para aprender a diferencialas (fina, xaponesa, babosa), para tomar nota do calibre e devolvelas ao mar cando non dan a talla.

Ao longo da tarde compartiron coñecementos e anécdotas, a experiencia de vivir o mar na Costa da Morte como mariscadoras a pé e en embarcación, recoñeceron o territorio, afondaron na xestión que fan dos recursos e, en pouco tempo, quedaron de reencontrarse en Malpica para ensaiar unha nova experiencia de turismo mariñeiro.

Nesta ocasión, as anfitrioas serán as redeiras de Bergantiños, as responsables de guiar o grupo entre mallas e aparellos de pesca polas naves e o contorno do porto de Malpica.

EMBARCA, turismo mariñeiro

Con esta nova andaina liderada polas mariscadoras de Camariñas, xa son seis os itinerarios de turismo mariñeiro probados no marco do programa EMBARCA: Amegrove, Vilanova de Arousa, Amarcarril, na Ría de Arousa; Reiboa, na ría de Pontevedra; e Arcade, na ría de Vigo.

Como experiencia de acompañamento que busca prototipar e probar novos modelos de intercambio asociados ao mar, aos seus produtos e ao patrimonio natural, Candieira, a Rede de apoio e promoción das mulleres do mar continúa avaliando as rutas creadas polas mulleres dos catro Grupos de Acción Local Pesqueira que participan no programa EMBARCA con proxectos de turismo mariñeiro.