Candieira

Encontro da Asociación de Mulleres da Costa Sostible en Corcubión

Mariscadoras da Ría de Muros-Noia visitaron este xoves as súas colegas do norte co fin de dar a coñecer a Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra-Ría de Muros-Noia, da que forman parte, e alentalas a integrarse neste novo espazo de intercambio e toma de decisións. O colectivo busca reforzar o papel das mariscadoras, mariñeiras, armadoras, redeiras e percebeiras da Costa Sostible dentro e fóra do seu ámbito de traballo.

A Asociación de Mulleres da Costa Sostible constituise en 2016 para unir forzas e achegar solucións aos problemas comúns das mulleres do mar. Dende aquela, tratan de poñer en valor o seu oficio e que se recoñeza o traballo que desenvolven a diario, nos bancos de cultivo, nas lonxas, nos peiraos, nos portos...

Na actualidade, a entidade conta cunha corentena de socias, fundamentalmente mariscadoras da Ría de Muros-Noia que ven a necesidade e a oportunidade de salvar as distancias que as separan doutras mulleres da área de influencia do GALP 4 para sumalas á súa causa.

Con este obxectivo celebraron un encontro na Confraría de Corcubión. Á xuntanza asistiron mariscadoras de Muros, Noia e Corcubión e mariñeiras de Corcubión e Fisterra, ademáis do patrón da Confraría de Corcubión, José Domínguez, que exerceu de anfitrión, e da xerente do GALP da Costa Sostible, Manuela Oviedo.

O achegamento serviulles para coñecerse e recoñecérense no traballo das outras, nos seus intereses e preocupacións, nos seus desafíos como mulleres e xornaleiras do mar, pero tamén para se informar sobre as orixes e os propósitos da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra-Ría de Muros-Noia. O grupo busca novas asociadas para converter a entidade nun espazo colectivo realmente útil para todas as mulleres do sector, sexa cal sexa o seu perfil profesional.

Entre as súas razóns fundacionais está a de facer visible o papel transformador das mulleres e a necesidade de promover a súa participación activa en órganos de goberno e espazos onde se toman decisións, dentro e fóra do seu ámbito profesional.

Coa incorporación de novas socias, as mulleres da Costa Sostible contan sumar apoios para o recoñecemento dos seus dereitos profesionais, para a defensa dos seus intereses económicos, sociais e profesionais; para impulsar novos programas formativos, de asesoramento, acceso a recursos e subvencións; e reforzar o traballo en rede con outras mulleres e colectivos.

O encontro resolveuse con boas sensacións e novos contactos para ampliar o grupo de traballo. Agora trátase de abrir máis vías de comunicación, diálogo e participación entre as mariscadoras, percebeiras, armadoras, redeiras e emprendoras que traballan no territorio de influencia do GALP 4, co obectivo de reforzar o tecido asociativo e favorecer a cooperación con outras mulleres e organizacións do sector.