Candieira

Reiboa, a ruta da Seca: turismo mariñeiro na ría de Pontevedra

O programa EMBARCA continúa explorando os itinerarios deseñados polas mariscadoras de Candiera que elixiron emprender no ámbito do turismo mariñeiro. Tralos primeiros test en Amegrove, Vilanova de Arousa e Carril, as mulleres do mar do Galp Ría de Pontevedra xuntáronse en Poio para percorrer a 'Ruta da Seca'.

Coa marea máis alta do que require o marisqueo, unha ducia de mariscadoras da Ría de Pontevedra deron os seus primeiros pasos no ámbito do turismo mariñeiro cun percorrido guiado pola zona da Seca, en Reiboa. De feito, escolleron o nome do lugar para chamarlle á ruta que nun futuro contan compartir co público que queira descubrir o seu oficio e pisar os memos bancos de cultivo que elas percorren case a diario.

A visita comezou no punto de encontro, o punto de control habitual que usan as mariscadoras de Poio para vestirse e repasar as cotas antes de saír ao mar e a onde volven pesar a ameixa antes de enviala á lonxa.

Ángela, membro da Asociación Cultural Mulleres Mar de Poio foi a encargada de darlle a benvida ao grupo e de situalo no mapa: a lonxa de Campelo á esquerda, Marín ao fondo, Combarro á dereita e, enfronte, a Illa de Tambo.

Unha vez ataviadas con botas de auga e traxe seco; con ganchas, goxos e angazos, percorreron a pé os poucos metros que separan o punto de control da zona de marisqueo máis próxima. Na praia, antes de baixar á area, identificaron os bancos nos que adoitan traballar, catro espazos que van dende Lourido ata Combarro, e a maiores, o sementeiro.

Na beira do mar compartiron a súa experiencia como mariscadoras, os seus comezos no oficio, as súas rutinas marcadas polas mareas, os cupos ou as toxinas; as especies que recollen, os labores de limpeza, semente e vixilancia, os prexuízos que ocasionan os furtivos...

O relato foise enriquecendo coa intervención doutras mariscadoras da zona, entre elas a da presidenta da Asociación Mulleres Mar de Poio, pero tamén coas preguntas que ían lanzando desde o público e a incorporación dunha parella de turistas que se sumou ao grupo para gozar da visita.

Na última parada, estes dous forasteiros convertéronse en protagonistas e as mulleres do mar do GALP Ría de Pontevedra en auténticas guías. Visitaron o posto de control, a zona de pesada e de carga do marisco, aprenderon a clasificar as ameixas por tamaño e calidade, a distingur a fina da babosa, e de recordo, os convidados levaron unha factura coa cantidade estimada que poderían ter gañado por ese día de traballo.

A visita rematou no punto de encontro despois de máis de dúas de percorrido. Concluíu con moi boas sensacións e azos renovados para axustar os tempos e reconsiderar o traxecto, xa que a Ruta da Seca inclúe un alto na lonxa de Campelo e outro na depuradora que non lles deu tempo a facer. Tras este primeiro balance acordaron convir se no futuro, ao final do camiño, ofrecen ou non unha degustación e ademais dun agasallo para os participantes na experiencia de turismo mariñeiro de Reiboa.

EMBARCA, turismo mariñeiro

O programa EMBARCA de Candieira encarreira a recta final con catro itinerarios probados (Amegrove, Vilanova de Arousa, Amarcarril e Reiboa) e catro máis á espera de seren examinados: Arcade, Arousa Norte, Camariñas e Malpica.

A vindeira cita co turismo mariñeiro terá lugar en Arcade o vindeiro 19 de xullo.