Candieira

EMBARCADE, de ruta mariñeira pola ría de Vigo coas mariscadoras de Arcade (I)

Trala iniciativa de Amegrove, Vilanova e Carril, na Ría de Arousa, maila experiencia das mariscadoras de Poio, Lourizán, Raxó e San Telmo na Ría de Pontevedra, tocoulles a vez ás mariscadoras de Arcade. Este xoves realizaron o primeiro ensaio da visita guiada de turismo mariñeiro deseñada por elas mesmas para dar coñecer o seu traballo na Ría de Vigo.

 

Despois de varias sesións de traballo dedicadas a definir o percorrido, as paradas e o relato que desenvolverán durante a visita guiada, as mariscadoras de Arcade xuntáronse para probar sobre o terreo o programa da ruta que darán a coñecer co nome de EMB(ARCADE).

As mariscadoras de Arcade acordaron un percorrido mixto, xa que son as únicas de toda Galicia que embarcan para poderen acceder aos bancos de cultivo. O itinerario combina varios traxectos a pé cun paseo por mar, a bordo dun barco que levará os vistantes á zona de marisqueo.

Nesta primeira visita completaron o itinerario dende terra coa axuda dun mapa que as mulleres do mar do GALP Ría de Vigo-A Guarda esbozaron coa axuda de Candieira e que recolle os principais puntos de interese mariños e xegráficos: o porto, a zona de marisqueo, o Cunchido, Estrazo, Area Nova, O Puntal, As Alvedosas, A Illa de San Simón, a Ponte de Rande...

O percorrido comezou na Confraría Virxe do Carme de Arcade, lugar escollido como punto de encontro para os turistas e as mariscadoras.

Trala benvida, presentaron a ruta, a propia confraría e a Ría de Vigo, como espazo costeiro de traballo, de vida e de lecer. A pé de praia simularon estar na zona de marisqueo. Contaron como é a actividade nos bancos de traballo, os calendarios, a incidencia das mareas, o papel das depuradoras e a importancia de consumir produto legal e con garantías.

As mariscadoras foron intercambiando os roles e asumindo o papel de guía principal. Explicaron os requisitos para ser mariscadora e as competencias que desenvolven a diario (limpan, sementan, vixían, trasladan o produto…), os aparellos que empregan, a vestimenta e os principais recursos marisqueiros cos que traballan.

De regreso ao porto visitaron o posto de control onde clasifican a ameixa e a etiquetan para levala á lonxa antes da poxa.

Nunha semana volveranse encontrar para embarcar e celebrar sobre o terreo a parte da visita que desta vez improvisaron desde o areal. Daquela tamén resolverán se despiden a ruta cunha degustación ben a modo de convite, que han de incluír no prezo da visita, ben a modo de recomendación, para que cada quen visite os locais de restauración da zona pola súa conta.

Con esta experiencia, buscan non só poñer en valor o seu oficio senon tamén ofrecerlle ao público que o requira no futuro unha panorámica do marisqueo nese recuncho da Ría de Vigo.

EMBARCA, turismo mariñeiro

Como experiencia de acompañamento que busca prototipar e probar novos modelos de intercambio asociados ao mar, aos seus produtos e ao patrimonio natural, Candieira, a Rede de apoio e promoción das mulleres do mar avalía as rutas creadas polas mulleres dos catro Grupos de Acción Local Pesqueira que participan no programa EMBARCA con proxectos de turismo mariñeiro.

EMBARCA encarreira a recta final con cinco itinerarios probados (Amgrove, Vilanova de Arousa, Amarcarril, Reiboa e Arcade) e tres máis á espera: Arousa Norte, Camariñas e Malpica.

ALIADAS: nós aprendemos, nós ensinamos

Doutra banda, as mariscadoras do GALP Ría de Vigo abordaron a posibilidade de organizar unha xornada conxunta entre as profesionais do mar, dedicadas á extracción de marisco e o corpo de investigadores que centran o seu labor no medio mariño.

Con esta iniciativa, buscan poñer en común as propias inquedanzas e tecer novas redes entre os saberes prácticos das mariscadoras e da comunidade científica local. Como primeiro paso de cara a ese encontro deseñaron unha ficha para recoller os intereses e os temas esenciais que lles gustaría tratar durante a xuntanza.