Candieira

Primeiros test das visitas de turismo mariñeiro na Ría de Arousa

Como experiencia de acompañamento que busca prototipar e probar novos modelos de intercambio asociados ao mar, aos seus produtos e ao patrimonio natural, a Rede de apoio e promoción das mulleres do mar, Candieira, iniciou os test das visitas guiadas que as asistentes ao programa EMBARCA foron creando ao longo das últimas semanas.

As primeiras probas tiveron lugar este 6 de xullo na Arousa, nomeadamente na Arousa Sur, onde participan activamente mulleres mariscadoras de Amegrove, Sociedade Cooperativa Galega; da Confraría de Vilanova de Arousa e da Asociación Amarcarril.

Xunto ás mariscadoras e percebeiras das Confrarías de Cabo de Cruz e Carreira, en Aguiño, desenvolven actividades dirixidas a poñer en valor o traballo nos parques de cultivo, o marisqueo a pé e a flote, o traballo na acuicultura do mexillón e a explotación de recursos específicos.

Co fin de implementar a propia experiencia máis todos os coñecementos adquiridos nas sesións de traballo de Candieira, as mulleres do mar da Arousa Norte deseñaron un itinerario por Cabo de Cruz e Aguiño para explicar os detalles do marisqueo a pé máis da extracción do percebe: mentres que as da Arousa Sur crearon cadansúa ruta para dar a coñecer as tres zonas nas que desenvolven a súa actividade.

Na práctica, o Galp Ría de Arousa prevé, co apoio de Candieira, unha programación de turismo mariñeiro específica para cada área xeográfica, e neste contorno, as que antes colleron a dianteira probando os seus propios proxectos foron as bateeriras e mariscadoras de Amegrove, as mariscadoras de Vilanova e as de Carril, que máis que someter a exame a súa experiencia de turismo mariñeiro, o que fixeron foi unha demostración do labor que desenvolven neste eido dende hai tempo.

Itinerario Amegrove

Das tres andainas previstas para esta xornada de turismo mariñeiro, a de Amegrove foi a primeira en se celebrar. Sempre coas mesmas protagonistas, un grupo de dez mulleres do Grove, Vilanova e Carril que foron intercambiando os roles a medida que ía mudando o escenario. No Porto de Meloxo, as mariscadoras de Amegrove exerceron de guías para as súas colegas.

Ataviadas cunha rede para o cabelo e bata protectora percorreron as instalacións da cooperativa sen perder detalle das explicacións sobre a localización da empresa, a súa orixe, a súa dimensión social e produtiva; sobre a acuicultura do mexillón, o proceso de cultivo, o impacto das toxinas, os paros biolóxicos e a importancia dos distintivos de calidade no proceso de comercialización.

Itinerario Vilanova de Arousa

Pouco despois do mediodía tocoulles ás mariscadoras de Vilanova meterse no papel de guías para poñer en valor o seu oficio e dar a coñecer as súas zonas de traballo. Dende a Confraría saíron cara a Nova Lonxa de Vilanova. De camiño detivéronse no banco da Ariño, e aproveitaron a parada para ofrecer unha visión en clave de xénero do marisqueo a flote e a pé. Unha vez na lonxa, explicaron como se fai a selección de especies e a poxa dos produtos do mar.

Itinerario Amarcarril

As representates da Asociación de Mariscadoras de Carril foron as últimas en vestir o seu traxe azul de guías para mostrarlles ás compañeiras como é o percorrido que fan a diario coas visitas que solicitan os seus servizos de turimo mariñeiro. Neste caso, o test mudou en demostración para trasladarlles aos grupos noveis que buscan asentar unha experiencia similar nas súas localidades, recursos e habilidades que elas foron adquirindo en contacto co público.

Saíron do peirao de Carril, ao carón do edificio da lonxa, ataviadas con botas de auga, traxes secos, anciños e ganchas. Ao pé do mar compartiron saberes sobre o marisqueo e a acuicultura na Arousa, o valor diferencial dos parques de cultivo de Carril e o papel das mulleres no mar e na economía mariñeira da zona.

Foi unha experiencia necesaria non só para consolidar todo o traballo desenvolvido na Arousa dentro do programa EMBARCA de Candieira senón tamén para escorrentar os medos e favorecer unha inicaitiva que busca diversificar o labor das mariscadoras, outorgarlles autonomía e variar a súa actividade económica.

A xornada rematou cunha degustación cortesía de Amarcarril que serviu para seguir tecendo redes entre os tres grupos da Arousa Sur, pero sobre todo, para facer balance da xornada, identificar os acertos e as melloras que se poden incorporar, a partir de agora, tanto aos itinerarios coma aos relatos que os guían.