Candieira

'Nós aprendemos, nós ensinamos' na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla

As mariscadoras de Arcade achegáronse ás instalacións do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo para coñecer o traballo que desenvolve e o aproveitamento que se fai das súas investigacións. Foi no marco do programa ALIADAS 'Nós aprendemos, nós ensinamos'.

No empeño das mulleres do Galp Ría de Vigo-A Guarda de fornecer un espazo transversal participado por axentes de diversos ámbitos que teñan en común o medio mariño, Candieira visitou un dos centros de referencia do país e aproveitou a viaxe para xuntarse cunha representación da comunidade científica galega máis apegada ao mar, co fin de avivar o lanzamento dun novo espazo de intercambio e coñecemento.

Dese encontro con representantes de WWF/Adena e doutros colectivos locais dedicados á investigación e á conservación do medio natural e mariño, saíu o compromiso de estrear un escenario de debate para abordar temas sobre os que tanto as mariscadoras como os técnicos do mar teñen moito que dicir.

Así, a visita ao Ecimat non só lles abriu as portas á investigación e ao coidado da biodiversidade mariña, senón tamén ao encontro con profesionais que velan polo benestar dos recursos pesqueiros, o que lles permitiu avanzar na transferencia de coñecementos entre expertas do sector extractivo e investigadores que traballan no campo da bioloxía e a ecoloxía mariñas, a calidade ambiental e a explotación sostible dos recursos mariños.

No seu percorrido polo Centro Singular de Investigación Mariña da Universidade de Vigo as mariscadoras descubriron as capacidades do centro para investigar sobre áreas que afectan directamente á súa actividade, como é o caso das microalgas e os moluscos, e observaron as tecnoloxías coas que traballan os científicos do Ecimat para estudar o océano, preservar a biodiversidade mariña e atender a xestión integral da zona costeira.

Ao cabo do día, a experiencia serviu para conectar a rede Candieira con quen, no futuro, pode colaborar no deseño de actividades conxuntas que enriquezan as competencias e as habilidades das mulleres en beneficio do mar, da súa xente e dos sectores produtivos asociados ao medio.