Candieira

Preelaboración, corte e cociñado: outros camiños cara a transformación dos produtos pesqueiros

Unha vintena de mariscadoras e emprendedoras do Golfo Ártabro Norte dos concellos de Miño, Pontedeume, Fene, Ferrol e Mugardos xuntáronse nunha nova sesión de Saberes e Sabores para poñer en valor os produtos mariños do seu contorno a través de novas elaboracións.

Guiadas polo cociñeiro Francisco González, da Sociedade Cultural e Gastronómica 'A Troita Armada' traballaron con peixes e mariscos da zona. Moluscos, peixes brancos e peixes graxos con enormes posibilidades culinarias, recursos pesqueiros que aprenderon a manipular co obxectivo de descubrir novas fórmulas de emprendemento no ámbito da transformación, a conserva e a comercialización destes produtos.

Despois dunha primeira introdución á historia da cociña, da cociña enxebre que non é tal, da cociña tradicional e da nouvelle cuisine, probaron distintas técnicas de limpeza e oito variedades de corte diferentes, segundo o tratamento que vaian recibir os peixes.

A partir de aí exploraron as posibilidades de cada produto na cociña. Tiveron a oportunidade de traballar por grupos e de crear as súas propias elaboracións recorrendo a diversas técnicas de cocción.

Tartar de algas, peixe follado con duxelle, ceviche, rulo de algas e quixo cremoso, mousse en barquillo, sardiña lañada con chutney de tomate, peixe grellado con risotto de berberechos, xarda en escabeche e salmorejo con berberechos son algunhas das propostas que elixiron as asistentes a esta nova sesión de Saberes e Sabores.

Despois de varias citas teóricas que lles serviron para iniciarse no contorno produtivo da transformacióne a comercialización de recursos mariños, alleo ás súas rutinas diarias, visitaron as instalacións do CIFP Coroso de Ribeira para preparar as súas primeiras conservas: fabas con berberechos e alga kombu, e berberechos ao natural.

Desta volta centraron a súa formación no tratamento, o aproveitamento e a elaboración de peixes e mariscos, produtos de calidade que agora coñecen mellor para podelos abordar desde perspectivas innovadoras.

A cita deste mércores, 4 de xullo, na Casa do Pescador de Miño, celebrouse no marco do programa EMBARCA de Candieira, unha experiencia de acompañamento que busca mellorar as capacidades das mulleres do mar en diferentes ámbitos da súa vida persoal e profesional a través de novos modelos de intercambio asociados ao mar, aos seus produtos e ao patrimonio natural.