Candieira

Os GALP impulsan unha rede para promover o traballo e a gobernanza das mulleres do mar

O obxectivo de Candieira é promover a igualdade no ámbito pesqueiro.

A Consellería do Mar vén de resolver a concesión dunha axuda ao proxecto de cooperación interterritorial “Candieira - Rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia”. O proxecto, presentado conxuntamente polos Grupos de Acción Local Pesqueira Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte e Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo – A Guarda, impulsará unha rede colaborativa para promover a igualdade das mulleres do mar no ámbito galego.

A través da promoción e da activación da autoorganización e o apoio ao emprendemento, este proxecto busca unha maior gobernanza e empoderamento das mulleres do sector pesqueiro. A promoción da igualdade de oportunidades é un dos eixos que vertebra o funcionamento dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos (FEIE). OS GALP son entidades colaboradoras na xestión do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e contan cunha Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo artellada a través de obxectivos estratéxicos concretos en cada territorio.

Con este programa preténdese reforzar a gobernanza das mulleres do mar, a través dun conxunto de programas de formación e de acompañamento de proxectos emprendedores que buscan mellorar as capacidades das mulleres en diferentes ámbitos vitais e profesionais. Ademais, a constitución desta rede de traballo e colaboración para a promoción de iniciativas e actividades orientadas a visibilizar e reforzar o papel das mulleres nas comunidades costeiras quere ser un xeito de compartir recursos e optimizar custos á hora de poñer en marcha proxectos neste ámbito.

O proxecto contempla, entre outras accións divulgativas, a creación dun espazo web, que será unha das principais canles de difusión da actualidade do proxecto e das iniciativas que xurdan ao abeiro deste. Tamén se creará un catálogo de experiencias innovadoras e exitosas.