Candieira

ALIADAS regresa á Ría de Pontevedra para impulsar o lanzamento da 'Guía de coidados da saúde para o benestar das mariscadoras'

O programa de formación e fomento do asociacionismo volveu acompañar as mulleres do Mar de Poio e da Ría de Pontevedra que ao longo dos últimos meses traballaron na identificación das principais doenzas que padecen as mulleres do mar. Agora están a piques de presentar un cartel que lles permitirá adquirir novas rutinas de prevención.

A saúde e a calidade de vida das mariscadoras foi un dos obxectivos deste grupo de mulleres do Galp Ría de Pontevedra ao abeiro do programa ALIADAS de Candieira.

Nesta última sesión de traballo, ademais de repasar os detalles do cartel que guiará as mulleres do mar na incorporación de novos hábitos saudables para o desenvolvemento da súa actividade, as asistentes ao taller tiveron a ocasión de comezar a deseñar o acto de presentación da súa propia guía de coidados, aproveitando diferentes recursos de comunicación.

A saúde das mulleres do mar

A vida das mariñeiras, mariscadoras e redeiras leva asociada unha gran carga física pero tamén emocional. Traballan horas ao aire libre, á chuvia e ao sol, ao frío e á calor; cargan ferramenta, fan forza, erguen pesos e xestionan o seu propio tempo, os espazos e os recursos. Desfacerse desa carga, ou alixeirala, é fundamental para mellorar o seu benestar.

O primeiro foi un exercicio de recoñecemento. Coa axuda da enfermeira e antropóloga Paz Diéguez, e a colaboración doutras profesionais sanitarias, as mariscadoras de Poio, Raxó e Lourizán que participan neste proxecto tomaron conciencia das súas condicións de traballo para establecer cales son os problemas de saúde máis frecuentes entre as traballadoras do mar.

As doenzas reumáticas mailas lesións articulares na columna vertebral e as derivadas do levantamento de pesos son as máis habituais, polo que decidiron emprender a creación dunha guía de prevención con consellos, coidados e exercicios básicos para aplicar antes de saír ao mar, durante as horas de marisqueo e de volta á casa; unha guía básica, fácil de executar, que lles permita ir mariscar nas mellores condicións.

Na práctica, deseñaron un cartel que recolle varias recomendacións en cuestión de alimentación, protección da pel e seguridade física, así como unha táboa de exercicios para estirar e previr lesións en brazos, pernas, pescozo, tronco e lumbares, da que elas mesmas son protagonistas.

Moi axiña volveranse xuntar para escoller unha data de presentación e acabar de definir a súa participación no evento.