Candieira

Saberes e Sabores na Costa Sostible: cociñamos con algas, berberechos e ameixas en conserva

Mariscadoras da Ría de Muros-Noia do programa EMBARCA asistiron a un obradoiro de cociña creativa e de produto impartido por Miguel Mosteiro. A súa experiencia como mariñeiro, antes que chef, valeulles ás mulleres da Costa Sostible para apreciar o xénero co que traballan a cotío non só como un bocado exquisito, senón tamén como recurso mariño de primeiro nivel.

Vestidas con mandil de aires mariñeiros e luvas de goma, as mulleres do Seo Fisterra-Ría Muros-Noia comezaron por recoñecer os alimentos que Miguel Mosteiro escolleu para unha sesión de cociña dedicada á elaboración de diferentes pratos a base de conserva.

Alga codium, leituga e espaguete de mar, salicornia, xardas, ameixas, salmonetes... Con todo, os ingredientes estrela foron as conservas, elaboradas por elas mesmas nunha sesión anterior de Saberes e Sabores no CIFP Coroso de Ribeira: fabas con berberechos e alga kombu, máis berberechos ao natural.

Un dos momentos máis emocionantes do obradoiro foi o de abrir as latas e comprobar que todo lucía e sabía delicioso. A partir de aí comezou a sesión práctica: aprenderon a limpar a xarda, a abrir os salmonetes, a aproveitar as vísceras, as cabezas e as espiñas para facer salsas e fumet mentres seguían os consellos de Miguel Mosteiro á hora de preparar elaboracións pouco habituais nas cociñas familiares:

O cociñeiro do grupo IN9 Eventos mostroulles ás participantes de Saberes e Sabores o potencial das conservas, a súa versatilidade gastronómica e o ben que combinan con outros froitos do mar e da terra. Compartiu con elas as receitas e animounas a seguir explorando os produtos mariños, como recursos culinarios e produtivos.

O obradorio celebrouse no Viveiro de Empresas de Noal, no Concello de Porto do Son, no marco do programa EMBARCA da Rede de apoio e promoción das mulleres do mar Candieira, unha experiencia de acompañamento que busca prototipar e probar novos modelos de intercambio asociados ao mar, aos seus produtos e ao patrimonio natural.