Candieira

O chef Miguel Mosteiro dirixirá unha nova sesión de Saberes e Sabores dedicada á elaboración da conserva

As mulleres do GALP Seo Fisterra-Ría de Muros-Noia terán a oportunidade de empregar na cociña as súas propias conservas no transcurso dun taller que se vai desenvolver no Viveiro de Empresas de Noal, no concello de Porto do Son.

O encontro terá lugar o venres 15 de xuño no marco do programa EMBARCA da Rede de apoio e promoción das mulleres do mar Candieira, unha experiencia de acompañamento que busca prototipar e probar novos modelos de intercambio asociados ao mar, aos seus produtos e ao patrimonio natural.

As mulleres da Costa Soltible decidiron emprender no ámbito da transformación e a conserva dos produtos do mar, así que despois de varias sesións teóricas, hai dúas semanas visitaron as instalacións do CIFP Coroso de Ribeira para preparar as súas primeiras conservas: fabas con berberechos e alga kombu, e berberechos ao natural.

Agora, van poder recuperar esas latas da man do chef Miguel Mosteiro. O cociñeiro do grupo IN9 Eventos será o encargado de impartir un obradoiro de cociña que busca mostrarlles ás participantes de Saberes e Sabores o potencial das conservas, ademais da súa versatilidade gastronómica.

Miguel Mosterio é un home apegado ao mar que coñece moi ben o oficio das mulleres mariñeiras e a calidade dos produtos que apañan a diario. Este venres, 15 de xuño, terá a ocasión de compartir con elas os seus saberes sobre os berberechos, as ameixas e as algas en conserva, co fin de aprenderlles a combinalos na cociña con outros sabores, coma os da terra, para que ningún se perda.

A sesión práctica vaise desenvolver no Viveiro de Empresas de Noal, en Porto do Son, entre as 9:30 e as 12:30 da mañá. Será no transcurso doutra cita Candieira para a mellora das capacidades das mulleres do mar en diferentes ámbitos da súa vida persoal e profesional.