Candieira

O turismo mariñeiro guiará o primeiro grande encontro das mulleres de Candieira, a Rede de apoio e promoción ás mulleres do mar de Galicia

Preto dun cento de mulleres dos GALP Costa da Morte, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Ría de Vigo-A Guarda xuntaranse este venres 8 de xuño na Illa de Arousa (Instituto Galego de Formación en Acuicultura) e Cambados (Guimatur) para desenvolver unha visita técnica orientada ao turismo mariñeiro no marco do programa EMBARCA de Candieira.

Ao longo da mañá percorrerán as intalacións do IGAFA, Instituto Galego de Formación en Acuicultura, un centro de referencia para as ensinanzas de acuicultura, mergullo e produción acuícola. Conta con máis de 1.000 m2 destinados ao cultivo de moluscos, peixes e crustáceos: catro laboratorios, un obradoiro de cultivos mariños, gaiolas, minicriadeiros, batea e un banco intermareal cedido pola Confraría de pescadores da Illa de Arousa.

O obxectivo da visita é que as mulleres poidan ver cos seus propios ollos e escoitar en primiera persoa como é o proceso de cría das diferentes especies, para que máis adiante incorporen esa aprendizaxe aos seus proxectos de turismo mariñeiro.

Xa pola tarde, desprazaranse ata a Confraría de Cambados para coñecer ás mulleres da asociación cultural Guimatur, formada por mariscadoras e redeiras. Dende o ano 2004 desenvolven dúas rutas polo concello co fin de amosar a súa forma de vida maila herdanza cultural do pobo mariñeiro galego. Aprenderán da súa experiencia na realización de actividades de turismo mariñeiro a través do seu relato e dunha visita ao banco de San Tomé en grupos de traballo.

  • 11:00 Recepción das participantes. Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA)
  • 12:00 Visita guiada ás instalacións do IGAFA
  • 13:30 Xantar
  • 16:00 Presentación de Guimatur e do seu proxecto de turismo mariñeiro (Confraría de Cambados)
  • 17:00 Visita ao banco de marisqueo San Tomé en grupos de traballo

Esta cita converterase nunha iniciativa única de intercambio de experiencias e fluxo de aprendizaxe bidireccional para as mulleres das zonas costeiras de Vigo-A Guarda, Pontevedra, Arousa e Costa da Morte que participan no programa EMBARCA. Ademais de sumar coñecementos, terán a oportunidade de reforzar lazos de unión, favorecer a sinerxía entre os diferentes grupos e procurar unha colaboración máis activa entre as mulleres do mar galego.

As mulleres do programa EMBARCA

Son mariscadoras, redeiras, bateerias, percebeiras e emprendedoras do sector pesqueiro. Dende hai seis meses traballan no desenvolvemento de varias iniciativas que promovan a valorización da súa contorna a través de actividades de lecer e turismo mariñeiro baixo o amparo da Rede de apoio e promoción das mulleres do mar, Candieira.

Neste tempo tiveron a oportunidade de formarse e de coñecer de primeira man experiencias de turismo mariñeiro lideradas por mulleres. Aprenderon a identificar os seus propios recursos, a deseñar as rutas más acaídas para presentalos e a construír o relato que pretende guiar ao público nas súas visitas.

Candieira acompaña as participantes no programa EMBARCA probando como funcionan as súas iniciativas desde un punto de vista innovador, analizando como facelas viables e dotándoas de ferramentas de comunicación para dálas a coñecer.

Candieira, emprendemento desde a innovación

Candieira é un proxecto de cooperación e traballo en rede dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, un programa de formación e acompañamento de proxectos emprendedores que buscan mellorar as capacidades das mulleres en diferentes ámbitos da súa vida persoal e profesional.

Na práctica, fomenta unha rede de colaboración para a promoción de iniciativas asociadas ao sector pesqueiro e á cultura mariñeira. Busca compartir recursos e optimizar custos, reforzando a gobernanza das mulleres e o seu papel nas comunidades costeiras.