Candieira

Mulleres do mar da Costa Sostible e do Golfo Ártabro Norte traballan na elaboración de ameixa nunha nova sesión de Saberes e Sabores

Máis dunha trintena de mulleres, mariscadoras e emprendedoras participantes no proxecto EMBARCA, de Candieira, xuntáronse en Pontedeume para afondar na elaboración tradicional de produtos do mar e acrecentar as súas sinerxías na busca dunha maior gobernanza e empoderamento das mulleres do sector pesqueiro.

Desta volta, o taller Saberes e Sabores trasladouse á Escola de Hostalería do IES Fragas do Eume para desenvolver unha sesión práctica de preparación e cociñado de ameixas, uns bivalvos que as asistentes a este encontro están a feitas a coller nos areais e que agora aprenden a elaborar co obxectivo de emprender novas actividades de transformación e conservación de productos do mar.

A sesión estivo dirixida por Suso Rubido, profesor de produtos culinarios, e Juan Francisco Couce, xefe do departamento de hostaleria da escola eumesa, que imparte a formación profesional básica e os graos medio e superior de cociña e restauración. Xuntos, traballaron con dous tipos de ameixa, fina e babosa, afondaron nas súas características e nas calidades de cada unha para ofrecelas en cru ou cociñadas.

As mariscadoras e emprendedoras dos GALP Golfo Ártabro Norte e Seo de Fisterra-Rúa Muros-Noia tomaron boa nota de catro elaboracións que puideron degustar no transcurso do taller: ameixa crúa (fina) con aire de algas e pilé de limón, ameixas á mariñeira, ameixas á prancha e ameixas en salsa verde (babosa), nunha sesión de Saberes e Sabores que combinou o mellor da cociña tradicional, creativa e de produto.

Nas próximas datas continuarán as sesións de acompañamento de EMBARCA, organizadas pola Rede de apoio e promoción das mulleres do mar, Candieira, dunha banda, para seguir aprendendo doutras mulleres e profesionais que xa emprenderon no sector da transformación do produto e da conserva artesanal máis no eido do turismo mariñeiro, e doutra, para reforzar lazos de unión e participación activa entre as mulleres do sector pesqueiro galego.