Candieira

Mulleres do mar e do rural da Costa Sostible e do Golfo Ártabro Norte traballan nun prototipo para transformar e conservar produtos do mar

Visitarán as instalacións do CIFP Coroso, onde se imparte un ciclo de Procesos e Calidade na Industria Alimentaria, para poñer en práctica dúas receitas, dentro do taller de Candieira “Saberes e sabores do mar e da horta”.

Mariscadoras nunha visita ás instalacións de Conservas Sotavento

O vindeiro xoves 24 de maio preto de 30 mulleres do mar e emprendedoras da zona do GALP Costa Costa Sostible e do Golfo Ártabro Norte visitarán as instalacións do CIFP Coroso, en Ribeira, centro no que se imparte un ciclo superior de Procesos e Calidade na Industria Alimentaria.

A visita enmárcase dentro do programa Embarca de Candieira que se está a levar a cabo nos territorios dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro da Costa Sostible e do Golfo Ártabro Norte. A Rede de apoio e promoción das mulleres do mar Candieira é un proxecto de cooperación do que forman parte os grupos de acción local do sector pesqueiro da Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Ría de Vigo-A Guarda, Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro Norte que comezou a súa andanza o ano pasado co obxectivo de favorecer o emprendemento entre as mulleres nas zonas costeiras de Galicia.

No caso concreto do GALP Costa Sostible, que comprende os municipios de Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son, as participantes de Embarca están a traballar desde hai meses no prototipado dun proxecto de conservación e transformación de produtos do mar baixo o lema “Saberes e sabores do mar e da horta”.

A duración da visita será de catro horas e desenvolverase entre as 16:30 e as 20:30 da tarde do xoves. A xornada terá un carácter práctico para que as propias participantes poidan probar a elaborar as súas receitas, guiadas por docentes e alumnado do ciclo. Da súa man coñecerán os aspectos sanitarios que deben terse en conta de cara a conservación do produtos do mar, así como as claves para a seguridade e o control alimentario ou os aspectos vinculados coa maquinaria (autoclave). As participantes elaborarán dúas receitas con berberechos e produtos da horta como ingredientes principais.

O achegamento á “Elaboración de conservas de moluscos e outros produtos do mar” está estruturado en seis partes: as materias primas, o enchido do envase, o peche, a esterilización, as análises fisicoquímicas e microbiolóxicas mínimas e a introdución ao etiquetado.