Candieira

Mariscadoras, percebeiras e bateeiras aprenden a amosar o seu oficio

Unha ducia de mulleres pertencentes ás confrarías de Aguiño, de Rianxo e de Vilanova de Arousa participaron na tarde de onte, martes 8 de maio, nunha sesión de comunicación e marketing, dentro do programa Embarca de Candieira.

Mariscadoras a pé e a flote, percebeiras e bateeiras traballan desde hai meses nas sesións de acompañamento de Embarca, organizadas pola Rede de apoio e promoción das mulleres do mar Candieira co obxectivo de poder amosar e explicar o seu oficio a visitantes e persoas interesadas e, ao tempo, poñelo en valor.

Na xornada do pasado martes 8 de maio, celebrada no recinto de Fexdega, sede do Grupo de Acción Local Pesqueira da Ría de Arousa, as participantes puideron coñecer as nocións máis básicas da comunicación e a publicidade, e fixeron un exercicio práctico para poñelas en práctica. Resultar amenas, fiar o relato, aprender a describir o seu oficio e "vender" os seus servizos e, en definitiva, transmitir os coñecementos ás persoas que máis adiante queiran coñecer de preto o seu traballo son algunhas das ferramentas nas que as mulleres do mar de Arousa están a traballar co acompañamento do equipo técnico de Candieira.

Exercicios arredor da identidade corporativa e a marca, a identificación da clientela e as partes que conforman un acto comunicativo e unha mensaxe serviron de reflexión ás mulleres que fan parte de Candieira no territorio do GALP Ría de Arousa, e que comprende os concellos de Boiro, Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribadumia, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

A vindeira sesión de Embarca en Vilagarcía de Arousa terá lugar o martes 15 de maio a partir das 17:00 e será tamén en Fexdega. Nela farase unha exposición pautada para máis adiante poñela en práctica, a modo de simulacro, nalgún dos lugares onde traballan as inscritas no proxecto.