Candieira

Aberto o prazo para inscribirse nos talleres de xeración de ideas de Candieira

Cabana de Bergantiños, Baiona, Vilanova de Arousa, Miño e Muros acollen sesións de traballo dirixidas a mulleres das zonas costeiras que queiran levar a cabo iniciativas económicas ou asociativas relacionadas co mundo do mar

No empeño por favorecer o emprendemento e o asociacionismo entre as mulleres do mar, o proxecto de cooperación Candieira, do que forman parte os GALP Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Ría de Vigo-A Guarda, e que integra 56 municipios costeiros desde A Guarda ata Narón, organiza durante o mes de setembro seis talleres prácticos.

Estes obradoiros son de balde e concíbense dun xeito práctico, posto que están encamiñados á xeración de ideas innovadoras desde o intercambio de saberes e a unión de sinerxías. O equipo técnico que os dirixe propiciará o achegamento de ideas e iniciativas, tanto económicas como asociativas. Posteriormente, algunhas destas ideas contarán co apoio e o asesoramento de persoas expertas para poñelas en marcha.

As sesións reunirán a persoas de diferentes ámbitos dispostas a facer que prenda a candea da creatividade e da innovación. Presentaranse algunhas iniciativas levadas adiante, que poden ser inspiradoras, pero sobre todo faranse dinámicas de creatividade grupal, que servirán para o coñecemento entre as persoas participantes, o intercambio de saberes e experiencias e o xurdimento de novas iniciativas.

Prender a "candieira"

Os talleres buscan propiciar ideas e iniciativas, prender a candea da creatividade e da innovación. Poden ser novas iniciativas económicas, pero tamén sociais e asociativas. Tamén existe a posibildiade de levar a cabo pequenos cambios en iniciativas que xa están en marcha, ou traballar en novas formas de facer ou de organización. E en todo momento buscaranse colaboracións e sinerxías entre as iniciativas.

Está previsto que nos talleres se presenten iniciativas inspiradoras diversas, como é o caso de Conservas Sotavento, a Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme e o seu proxecto de artesanía ou a Agrupación de Mariscadoras Río Anllóns, que estarán presentes no primeiro taller, en Cabana de Bergantiños. Traballarase con dinámicas que fomenten o coñecemento entre as participantes para pouco a pouco centrar retos, xogar a modificar ideas e escoller aquelas iniciativas que se queiran levar á práctica.

A diversidade de perfís das persoas asistentes aos talleres é clave para o seu desenvolvemento. O obxectivo da organización é que nos encontros estean representadas mulleres do mar de todos os sectores (mariscadoras, redeiras, armadoras, biólogas, do sector da consultaría, da investigación, do turismo, dos deportes náuticos, mulleres de mariñeiros), e asociacións de mulleres, pero tamén persoal municipal dos departamentos de Igualdade e de Emprego e, en xeral, mulleres con ideas de emprendemento.

DATAS E LUGARES DOS TALLERES

Taller na Costa da Morte

O primeiro taller de ideas, coordinado polo GALP Costa da Morte, que se estende aos concellos de A Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía, celebrarase o mércores 13 de setembro na Escola de Vela de Cabana de Bergantiños (A Telleira s/n – Canduas), desde as 10 ata as 14 horas. 

Taller en Baiona

O segundo taller, que abarca o territorio do GALP Ría de Vigo-A Guarda (concellos de Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda), celebrarase entre as 9 e as 14 horas no Parador de Baiona o 15 de setembro.

Taller en Vilanova de Arousa

O GALP Ría de Arousa (concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa) organiza no Centro de desenvolvemento local de Vilanova de Arousa o seu propio taller de xeración de ideas o martes 19 de setembro, que transcorrerá entre as 16 e as 20 horas. As inscricións, aquí.

Taller en Muros

O taller de ideas do GALP Costa Sostible (concellos de Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son), que escolleu a Fábrica de Sel de Muros (Avenida de Bos Aires, 2) para celebralo será o venres 22 de setembro de 17 a 21 horas. O formulario de inscrición é este.

Taller en Miño

O taller do GALP Golfo Ártabro Norte (concellos de Paderne, Neda, Narón, Pontedeume, Mugardos, Miño, Ferrol, Fene, Cabanas e Ares) celebrarase na súa propia sede, na Casa do Pescador de Miño (R/ Curro 33), o martes 26 de 17 a 21 horas. As inscricións, aquí.

Taller en Sanxenxo

O taller do GALP Ría de Pontevedra (concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño) celebrarase no Hotel Sanxenxo (Paseo Praia de Silgar, 3), o martes 2 de 16 a 20 horas. As inscricións, aquí.

As persoas que queiran asistir a calquera taller deberán inscribirse previamente nos formularios específicos de cada taller, dispoñibles no Calendario desta web, xa que as prazas son limitadas.