Candieira

As Bitácoras de Candieira relatan o que facemos nas sesións en curso

Mulleres do mar inscritas nas sesións de acompañamento para emprender en turismo mariñeiro ou impulsar o asociacionismo contan de primeira man a súa aprendizaxe neste dobre programa, iniciado a finais de outubro.

EMBARCA e ALIADAS son dous programas de formación e acompañamento dirixidos a mulleres do mar de toda Galicia. Dunha banda, EMBARCA acompaña aquelas mulleres que queren iniciar unha actividade de turismo mariñeiro sostible. Doutra, un programa de corte asociativo permite compartir saberes e adquirir formación de cara a unir forzas ou organizarse.

Os programas, iniciados en outubro, rematarán en abril do ano que vén, e contan coa participación de perfís diversos que teñen en común o medio mariño. Mariscadoras, emprendedoras, formadoras, persoal médico e científicas, entre outros perfís, reúnense en diferentes zonas do litoral galego con persoal técnico co obxectivo de poñer en valor o seu traballo: o traballo das mulleres do mar e daqueles oficios que dalgún xeito “transitan” arredor del.

Será a partir de maio cando se presenten os resultados das sesións, agora mesmo en curso. Pero se estás interesada en seguirlles a pista ou formas parte de Candieira podes entrar nas Bitácoras e botar un ollo ao que se está cocendo. E se o que queres é contalo ti mesma non tes máis que escribir a info@candieira.net: darémosche as ferramentas necesarias para que o poidas contar de primeira man.