Candieira

O programa ALIADAS de formación e impulso ao asociacionismo para mulleres do mar chega ao GALP Ría de Vigo-A Guarda

Tras a celebración das primeiras sesións de ALIADAS, programa de acompañamento de corte asociativo, nos territorios de varios dos Grupos de acción local pesqueira que forman parte de Candieira (Costa Sostible, Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Norte e Arousa), ALIADAS prosegue o seu camiño coas primeiras sesións en Arcade e Vilaboa.

ALIADAS chegará ao territorio do GALP Ría de Vigo-A Guarda (concellos de os días 1 e o 14 de decembro baixo o lema "Todas aprendemos e todas ensinamos". As sesións, que se celebrarán entre as 10:00 e as 13:00 (o 1 no Multiusos de Arcade e o 14 na Casa de Cultura de Vilaboa), son de balde e están abertas a todas as mulleres, pero especialmente a aquelas con oficios do sector pesqueiro, que queiran intercambiar os seus coñementos e impulsar o asociacionismo entre elas. O obxectivo: deseñar conxuntamente un programa formativo no que as mulleres do mar sexan tamén docentes e que se adapte de forma flexible ás usuarias.


En paralelo e de forma intercalada, traballaranse de xeito práctico habilidades sociais e ferramentas para a promoción do asociacionismo e a creación de redes. Entre os contidos a tratar ao longo das sesións de ALIADAS están os seguintes: igualdade, habilidades de comunicación persoal, xestión de reunións, relacións en rede e cooperación: sociograma e mapa de relacións, dinámicas de participación e desenvolvemento e financiamento de proxectos. Calquera persoa interesada en asistir ás sesións de ALIADAS do GALP Ría de Vigo-A Guarda pode facer a súa inscrición na web de Candieira (neste enlace).


Doutra banda, continúan as sesións de EMBARCA para mulleres interesadas en poñer en marcha unha iniciativa empresarial relacionada co turismo mariñeiro. Os próximos encontros, organizados polo GALP Ría de Vigo-A Guarda serán os días 27 e 28 de novembro de 9:30 a 13:30 no Multiusos de Arcade.
Tamén están abertas as convocatorias, tanto para o programa EMBARCA, de emprendemento, como para ALIADAS, de corte asociativo, noutras vilas de Galicia, neste enlace.

Máis sesións de EMBARCA e ALIADAS en Poio e Vilagarcía

O martes 28 o Centro Xaime Illa de Raxó (Poio) acollerá as novas sesións de EMBARCA e ALIADAS do GALP Ría de Pontevedra. Será a partir das 17:00 h, e nesta ocasión a xornada xirará, dunha banda, arredor da comunicación, o marketing e a publicidade desde o punto de vista dunha iniciativa turística relacionada co mundo do mar, e doutra, da prevención e mellora da saúde das mulleres traballadoras do mar.

Tamén o GALP Ría de Arousa celebrará a terceira sesión de EMBARCA o mércores 29 de novembro a partir das 17:00 en FEXDEGA (Vilagarcía de Arousa).