Candieira

Rematan os talleres de ideas, co peche en Sanxenxo

O taller de ideas celebrado onte en Sanxenxo e coordinado polo GALP Ría de Pontevedra dá paso a unha nova fase de Candieira, que se centrará agora no acompañamento a emprendedoras e na dinamización do asociacionismo entre as mulleres do sector marítimo pesqueiro e emprendedoras.

Unhas vintecinco mulleres, na súa maioría do sector pesqueiro da zona pero tamén doutros ámbitos relacionados co medio mariño e técnicas e políticas dos concellos que abranxe o GALP, participaron hoxe no último obradoiro de Candieira que sentará as bases para os vindeiros meses, de cara a impulsar iniciativas. A finais de outubro, o equipo técnico do proxecto emprenderá un programa de acompañamento daquelas mulleres con ideas de carácter asociativo ou de tipo económico que, ao abeiro de Candieira, queiran beneficiarse do seu acompañamento e asesoramento.

Prevese que este apoio sexa activo ata mediados do vindeiro ano, se ben o obxectivo é que Candieira, a Rede de promoción das mulleres do mar, perdure no tempo e vaia gañando impulso.

Ideas a desenvolver

Foron moitos os retos e as ideas que as participantes do taller de Sanxenxo debullaron ao longo da xornada: programas de control e coidado da saúde, de hixiene postural e de asesoramento nutricional para as mariscadoras, novas iniciativas de turismo e de restauración e recuperación da cociña mariñeira, ou ideas pedagóxicas para a posta en valor do patrimonio mariñeiro e popular do territorio, entre outras.

O obxectivo é que algunhas das ideas xurdidas neste ou noutros talleres dos realizados nos territorios dos GALPs participantes comecen a incubarse como iniciativas económicas ou asociativas a partir do próximo mes. Calquera muller interesada en impulsar ou axudar a impulsar algunha idea de emprendemento pode asistir ás sesións que o equipo técnico de Candieira comezará a impartir a partir da segunda quincena de outubro e das que se informará puntualmente a través desta web.