GALP Ría de Pontevedra

Taller en Sanxenxo para activar iniciativas e crear sinerxías entre as mulleres do mar

O Hotel Sanxenxo acollerá durante a tarde do luns 2 de outubro un taller de xeración de ideas para mulleres de diversos perfís con algo en común: o mar.

Participantes no encontro de presentación de Candieira, o pasado venres en Pontevedra.

O encontro, aberto e de balde, está principalmente pensado para as mulleres do territorio do GALP Ría de Pontevedra (que abranxe os municipios de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño) do sector marítimo pesqueiro ou que teña poida ter relación co medio mariño, como a hostalería, o turismo mariñeiro ou os deportes náuticos. Tamén se dirixe a aquelas mulleres que queiran poñer en marcha unha iniciativa e non saben como orientala ou queren buscar sinerxías con outras.

As iniciativas de tipo asociativo tamén serán benvidas neste encontro, o último deste tipo que a rede Candieira, creada en xuño deste ano e na que participan seis Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro co apoio da Consellaría do Mar, vén organizando ao longo do mes por toda Galicia.

A partir dos vindeiros meses Candieira seguirá tecendo a súa rede colaborativa de mulleres do mar facendo un seguimento das ideas e iniciativas, ben económicas, ben asociativas, que foron xurdindo, nos talleres. O equipo técnico apoiará e asesorará aquelas que queiran desenvolverse.

Para asistir ao taller, que transcorrerá entre as 16 e as 20 horas, é aconsellable inscribirse na web do proxecto, candieira.net.

Experiencias inspiradoras

Está previsto que as participantes poidan escoitar experiencias “inspiradoras” e manter unha conversa coas mulleres que as levaron a cabo. As convidadas ao taller serán Marta Iglesias, mariscadora e monitora de Piragüilla, empresa especializada en turismo activo e deportes de Aventura; Maica e Eva Lojo, creadoras das conservas artesanas Sotavento, e algunhas das redeiras da Illa da Estrela de Corme que fan artesanía en bolsos e tecidos.

Metodoloxía do taller

O taller busca propiciar ideas e iniciativas, prender a candea da creatividade e da innovación, levar a cabo pequenos cambios en iniciativas que xa están en marcha ou traballar en novas formas de facer ou de organizarse. Traballarase con dinámicas que fomenten o coñecemento entre as participantes para centrar retos, xogar a modificar ideas e escoller as iniciativas que se queren levar á práctica.

A diversidade de perfís das persoas participantes é clave. Ao encontro están convidadas mulleres do mar de todos os sectores (mariscadoras, redeiras, armadoras, biólogas, do sector da consultaría, da investigación, do turismo, dos deportes náuticos, etc.), xunto a representantes de asociacións socioculturais de mulleres, pero tamén persoal municipal dos departamentos de Igualdade e de Emprego e, en xeral, mulleres ás que lles apeteza emprender ou asociarse.