Candieira

Taller de ideas en Miño o martes 26

A rede de apoio e promoción das mulleres do mar Candieira chega a Miño o martes 26 de setembro cun obradoiro de ideas dirixido ás traballadoras do sector pesqueiro e outros sectores que teñan relación co mar (turismo, hostelería, restauración), e tamén para interesadas en desenvolver iniciativas económicas ou asociativas. O obxectivo: favorecer o emprendemento, o empoderamento e a busca de sinerxías entre elas.

O taller do GALP Golfo Ártabro Norte, que comprende os concellos de Paderne, Neda, Narón, Pontedeume, Mugardos, Miño, Ferrol, Fene, Cabanas e Ares celebrarase na propia sede do GALP, na Casa do Pescador de Miño (rúa do Curro, 33) entre as 17:00 e as 21:00. A inscrición é aberta e de balde previa inscrición neste enlace.

No encontro empregarase unha metodoloxía innovadora pouco habitual en accións deste tipo. Ana Lorenzo, do equipo técnico que impartirá os talleres, explica que transcorrerán “nun ambiente propiciador da creatividade”. “Traballaremos cun método empregado nas grandes empresas e nos talleres de innovación que queremos traer ao mundo local e das mulleres do mar”, explica. “Haberá un clima de xogo, de confianza, de ilusión, encamiñado á xeración de ideas innovadoras desde o intercambio de saberes e a unión de sinerxías”.

As participantes ao taller poderán conversar coa promotora da Cantina Río Covés, Inmaculada Sánchez, coa presidenta da Asociación de Mulleres de Arousa, Susana Silva, e con Eva e Maica Lojo, de Conservas Sotavento, que presentarán as súas iniciativas como exemplos inspiradores a seguir ou cos que establecer sinerxías.

Acompañamento das iniciativas

Todas as iniciativas e ideas económicas, sociais e asociativas que se formulen ou saian do propio taller serán benvidas. Ao longo dos vindeiros meses o equipo técnico fará un seguimento das iniciativas, apoiando e asesorando ás mulleres que queiran desenvolvelas, tal e como prevé o programa, que rematará previsiblemente en maio de 2018.

Os talleres buscan propiciar ideas e iniciativas, prender a candea da creatividade e da innovación. Pero tamén existe a posibilidade de levar a cabo pequenos cambios en iniciativas que xa están en marcha, ou traballar en novas formas de facer ou de organizarse. Buscaranse, así mesmo, as colaboracións e as sinerxías entre as iniciativas. Traballarase con dinámicas que fomenten o coñecemento entre as participantes para centrar retos, xogar a modificar ideas e escoller as iniciativas que se queren levar á práctica.

A diversidade de perfís das persoas asistentes aos talleres é clave para o seu desenvolvemento. Aos encontros están convidadas mulleres do mar de todos os sectores (mariscadoras, redeiras, armadoras, biólogas, do sector da consultaría, da investigación, do turismo, dos deportes náuticos, etc.), xunto a representantes de asociacións socioculturais de mulleres, pero tamén persoal municipal dos departamentos de Igualdade e de Emprego e, en xeral, mulleres ás que lles apeteza emprender ou asociarse.