Candieira

Taller de ideas en Muros o venres 22

O encontro, dirixido principalmente ás mulleres do sector pesqueiro, transcorrerá entre as 17 e as 21 horas e contará coa presenza de mulleres con iniciativas inspiradoras, tanto económicas como asociativas.

A antiga fábrica de Sel de Muros é o lugar escollido para a celebración do taller de xeración de ideas que artella o GALP Costa Sostible para a súa zona, que abranxe os concellos de Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son. Este encontro celebrarase entre as 17 e as 21 horas e contará coa intervención dunha representante da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, a de Rosa Lafuente, directora de Conservera Gallega.

Os talleres de xeración de ideas están dirixidos ás mulleres do territorio que traballan no sector do mar, se ben están abertos a todas as persoas que queiran poñer a andar unha iniciativa similar, reformular a que xa teñen ou establecer sinerxías con outras. Estes encontros están enfocados á creación de iniciativas de emprendemento, que poden ser económicas ou de tipo asociativo. Ademais, quérese crear e afianzar unha rede colaborativa de mulleres do mar que se estenda máis aló do remate do programa, previsiblemente en maio do ano que vén, cando se expoñerán os resultados recadados en cada territorio.

Para asistir é preciso inscribirse neste formulario, se ben a entrada ao mesmo é aberta e de balde.