Candieira

Candieira, a Rede de apoio á muller da costa galega organiza os primeiros encontros locais

Entre o 4 e o 19 de xullo celebraranse xuntanzas con institucións, axentes locais e persoas a título individual que queiran implicarse no proxecto Candieira, a Rede de apoio á muller da costa galega organiza os primeiros encontros locais

Candieira, a Rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia, prepárase para dar o seu pistoletazo de saída. Este proxecto de cooperación promovido polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra -coordinador do proxecto-, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Seo de Fisterra-Ría Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda, nace para alentar e acompañar o emprendemento das mulleres nas zonas costeiras dos territorios dos GALP participantes.

Vilagarcía, Miño, Vimianzo, Malpica, Muros, Baiona, Vilaboa e Pontevedra son as localidades que acollerán, a partir deste martes 4 e ata o mércores 19 de xullo, oito encontros abertos aos cales están convidadas a asistir confrarías, entidades sociais e empresariais, asociacións culturais, ambientais e persoas que a título individual que queiran implicarse no proxecto.


O obxectivo principal destes encontros é dar coñecer o proxecto e  conseguir a adhesión de entidades, asociacións e persoas que traballen a prol da igualdade, que pertenzan ao sector pesqueiro, patrimonial, cultural e ambiental ou que estean vinculadas ao ámbito do emprendemento e a innovación. A participación activa da cidadanía será fundamental para desenvolver Candieira. Ademais, nos encontros constituirase un grupo motor por cada territorio dos GALP que se encargará de dinamizar e guiar o proceso e favorecer a incorporación de novos axentes.  

Talleres de ideas
Entre setembro deste ano e abril de 2018 programaranse obradoiros prácticos de impulso ás iniciativas que nazan e medren ao abeiro de Candieira. Estes espazos de creación alentarán a posta en marcha de proxectos baixo unha perspectiva maker (aprender a través da experiencia). A inscrición, de balde, dirixirase a mulleres emprendedoras dispostas a mergullarse na xeración de experiencias innovadoras e intercambiar saberes e coñecementos, ao tempo que se vai tecendo unha rede de traballo colaborativa entre elas.

A web candieira.net irá recollendo toda a información relativa ao proceso  ao longo dos próximos meses, ao tempo que funcionará como repositorio de documentación e de ideas e como canle de comunicación principal de Candieira. A previsión é que en maio de 2018 esta rede de apoio e de traballo compartido das mulleres da costa galega estea consolidada e que se manteña ao longo do tempo.

Presentación oficial
O pasado 6 de xuño tiña lugar a presentación oficial do proxecto, que contou coa presenza e apoio da conselleira do Mar, Rosa Quintana, en Marín.
Este exercicio de cooperación laboral entre os 56 municipios costeiros que conforman os seis GALP participantes, e que van desde A Guarda ata Narón, conta cunha axuda da Consellería do Mar, no marco da convocatoria deste ano, destinada a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP.